jueves, agosto 24, 2023

O BIERZO MÁIS GAITEIRO.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL.


O BIERZO MAÍS GAITEIRO,

Por Javier Lago Mestre.

Na rexión do Bierzo a gaita galega cada día ten máis prestixio. Velaí a súa presencia nas festas populares, nas bandas de gaiteiros, nos grupos etnomusicais, etc, ademais medran os novos gaiteiros que saen das escolas municipais. Hoxe os nosos gaiteiros teñen que competir no mercado coas outras músicas de moda (pop, rock, electro, iberoamericana, anglosaxona, etc). E, no eido tradicional, seguen as desputas históricas entre gaiteiros e tamborileiros por acadar o protagonismo na música tradicional.

            Os antigos gaiteiros xa tiveron que defender a súa música fronte aos seus opositores. Recordemos por exemplo as resistencias da Igrexa que tentou botar fóra as gaitas das festas relixiosas. A gaita foi mal vista polos clérigos porque, para eles, tiña unha clara simboloxía sexual, coma órganos sexuais masculinos. Por iso representa a música profana fronte á relixiosa.  E se a gaita tende a moverse ceibe, moi solta, todo é provocación erótica, na xoldra festiva, ante os ollos da oscenidade.



            A Igrexa tratou de imponer a súa ideoloxía relixiosa. A nivel musical, primaba unha música celestial, representada polos dignos órganos, fronte ás advenedizas gaitas populares. A gaita galega estaba moi presente no bispado de Astorga, nas comarcas do Bierzo e Valdeorras. Pois ben, aínda no ano 1903 continuaba o debate sobre o uso da gaita nas funciones relixiosas. Sabemos isto grazas a un texto publicado no xornal católico, “La Luz de Astorga”. Neste lemos que, segundo unha Instrucción sobre música sagrada (1903), do papa Pío X, a gaita, “por ahora la tenemos como prohibida”, aunque os bispos, “verán a su tiempo si puede permitirse o por lo menos tolerarse este instrumento”. O redactor clerical valora a súa mala influencia instrumental, “en el disloque de los bailes, el descuaje de los báquicos magostos y el delirium tremens de las bodas”. Como nota final negacionista para a gaita, comenta que, “de momento a callar…”.

             Mais a persecución da gaita xa viña de séculos atrás. Así os cregos composteláns, que tiñan posesiois no Bierzo, propuxeron a confiscación das gaitas ás autoridades locais (1736), “y porque suelen hacer las romerías más por diversión que por devoción, llevando instrumentos músicos como punteros, gaitas, adujes, sonajas, etc” (Pegerto Saavedra, 1994).   Polo que toca ao noso Bierzo ocidental, Olivier Soto Abella recolle documentación parroquial sobre o uso de gaitas en actos relixiosos.

            Para executar esta campaña represiva de la cultura popular, foi fundamental o traballo dos visitadores do bispo de Astorga nas freguesías bercianas. Nesta dinámica eclesial sabemos do visitador do mosteiro de S. Pedro de Montes que proibe as danzas na ermida da Aquiana (1697) e na igrexa do cenobio (1702) (Vicente Fernández Vázquez, 2003). No século XVII atopamos algún gaiteiro acompañando as danzas da Oitava do  Corpus en Ponferrada (Pilar Saenz de Tejada, 1994). En Vilafranca, durante a celebración do Voto da Inmaculada Concepción (1626), houbo “toques de campanas, tamboriles e gaitas” (V. Fernández Vázquez, 2003).



            A chamada literatura popular berciana recolle tamén abondas coplas gaiteiras. “Ai! gaita, canto te quero, canto te quero, gaitiña, miña xoia, miña bruxa, miña meiga, miña amiga”. Nas festas populares teñen máis sona coas gaitas, “a mellor festa galega ten que lucir un gaiteiro”. Incluso entre as localidades xorden os piques musicais, “En Vilasumil tamboril, en Sorbeira máis gaiteira”. Os poderes locais tamén en desputa, “campás por gaitas, e cregos por danzantes”, son os concellos rurais contra as freguesías.

            Por suposto, no século XIX as gaitas estiveron presentes nas festas das vilas e aldeas bercianas. O escritor Antonio Fernández y Morales recolle nos seus escritos varias referencias aos gaiteiros bercianos (Villafranca y la vendimia, O San Roque en Paradela, O gaiteiro de Sorribas…). Nos programas festivos de Vilafranca non faltaron as gaitas, “contratación de gaiteros de Tribes, Os Trintas” (El Eco de Santiago, 1902). Cando os vilafranquinos preparan a viaxe en tren para celebrar o Día regional de León, lemos “ya están dispuestos los gaiteiros” (Proa, diario de Falange, 1939). Na romaría da capela de Quintela do Bierzo, “simpáticos gaiteros amenizaron la romería” (xornal La Provincia, 1924).



            Outro tanto aconteceu en Ponferrada. Nas sucesivas festas da Encina non faltan os gaiteiros. Casos dos programas festivos de 1893 e 1908. Anos despois lemos “tradicional procesión de la Virgen de la Encina, asistiendo a ella las autoridades locales, bandas de música y los gaiteros” (La Correspondencia de España, 1912). Desde Galicia recoñecese a presenza de gaiteiros no Bierzo, “gaiteros de Palencia y del Bierzo que alegrais las fiestas aldeanas” (Boletin Monumentos de Ourense, 1913). Nos programas festivos das décadas de 1950 e 1960 contaron coa presencia de novos gaiteiros en Ponferrada.

O Bierzo, agosto de 2023.


 



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

miércoles, agosto 09, 2023

O NOSO IDIOMA GALEGO DO BIERZO

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


O NOSO IDIOMA GALEGO DO BIERZO,

Por Javier Lago Mestre.

Por mor dos documentos contidos nos tumbos dos mosteiros bercianos (Carracedo, Cruniego, Espiñareda e Montes) sabemos da existencia da nosa lingua galega. Os acontecementos políticos de finais da Idade Media influiron nas relaciois lingüísticas. Referímonos á derrota militar do conde de Lemos que señoreaba esta rexión, e o posterior control por parte da Coroa cos chamados Reis Católicos. Este novo poder político supuxo a progresiva castelanización. Aínda así o idioma galego seguíu presente na fala popular, a toponimia, a literatura oral, etc. Xa no século XVIII, grazas ao erudito frei Martín Sarmiento, os seus estudos filolóxicos determinaron os vencellos do galego co idioma portugués.

A CONCEPTUALIZACIÓN LINGÜÍSTICA.

            Hoxe hai un maior acordo sobre o que falamos no Bierzo, o idioma galego. Atrás restan os debates sobre a definición lingüística. Recordemos cando algúns dicían falar o chapurreao. Esta especie de mestura lingüística que non define nada. Por certo, concepto que tamén utilizan en Aragón para referirse á súa problemática lingüística (aragonés, catalán...). Ben, para outros hai diversas falas (ancarés, fornelo, pachuezo, torenes…) inconcretos localismos, entre galego e leonés, supoñemos.



            Algúns escritores bercianos apuntaron a expresión dialecto berciano. Son os casos de Antonio Fernández y Morales (século XIX) ou o filólogo Francisco González González. O primeiro dicía que entre o galego e o berciano había semellanzas e diferenzas, “entre el gallego i su dialecto berciano, hai diferencias mui marcadas”. Tamén indica que “las particularidades que separan el Berciano de los dialectos i subdialectos gallegos hermanos suyos”. Deixa, pois, claro que hai demasiadas vinculaciois entre o galego e o seu berciano.

            Polo que toca a Francisco González, establece as zonas de influenza entre as linguas galego e leonesa. Do encontro territorial entre ámbalas dúas fixa o seu dialecto berciano. Por suposto, non hai neste dialecto unidade lingüística porque hai dous idiomas veciños en contacto estreito, segundo el. Desde posturas leonesistas, políticas e culturais, xorde a expresión dialecto galegoleonés. Por suposto, ningún investigador serio defende a existencia destes supostos dialecto berciano ou galegoleonés.

            O catedrático Francisco Fernández Rei estableceu bloques lingüístico para o galego do Noroeste peninsular. No bloque oriental xorde a área central, que abrangue: O Courel, O Bierzo, Ancares e Cervantes. Pola súa banda, a filóloga Ana Seco Orosa fixou as chamadas líneas isoglosas lingüísticas do galego na nosa rexión berciana. Chegados a este punto a maioría da poboación xa non discute a existencia do galego, sendo a mesma lingua que falan en Galicia.



A CONCRECIÓN LINGÜÍSTICA.

            Temos visto algo do dialectismo galego máis enriba. Para algúns a existencia do dialectismo casa mal coa necesaria normativización lingüística. O dialectismo ten unha orixe histórica, propia da evolución das linguas (desde a Idada Media até a actualidade). Ademais existe a cuestión da territorialidade. Hai diferenzas lingüísticas entre vales e comarcas no galego do noroeste peninsular. Velaí a existencia de diferenzas léxicas cando damos nomes ás plantas ou mailos animais. Algo totalmente normal entre falantes tan alonxados.

            Para evitar problemas de comunicación entre falantes dunha mesma lingua, casos de vigueses, monfortinos e bercianos por exemplo, necesitamos normativizar o idioma común. Houbo que crear un diccionario e unha gramática para todos. Os filólogos tiveron que fundamentar o léxico, as regras gramaticais, a fonética ou a morfosintaxe do idioma galego. Cando usamos termos xurídicos, médicos, técnicos, dixitais, etc. necesitamos precisión terminolóxica para a boa comprensión verbal e escrita, e evitar erros interpretativos. Velaí o fundamento da existencia da normativa galega.

            Por certo, as normativas lingüísticas poden e deben evolucionar como o ten feito o diccionario da Real Academia Española (RAE) ao longo dos séculos, desde o XVIII. A Real Academia Galega (RAG) fixo reformas que achegan cara ao idioma portugués. Ben vistas pola maioría porque son linguas irmás con grande vinculación histórica e na actualidade.



            A normalización lingüística procura a galeguización nos distintos eidos sociolingüísticos. Referímonos ao ensino, administración, xustiza, sanidade, dixitalización, etc. Cando hai dous idiomas en contacto (castelán e galego) tenden a cumprir funciois diferentes (diglosia). A lóxica procura que ámbalas dúas linguas teñan iguais funciois. Por iso hai que normalizar os ámbitos lingüísticos para o idioma menos empregado ou minorizado polas políticas públicas, caso do galego.

            Non se pode recuperar unha lingua minorizada sen axuda, por medio dos ditos procesos de normativización e normalización. O máis importante é dar á lingua en situación de inferioridade novas funcionalidades. O galego secularmente estivo restrinxido ao mundo rural, agrogandeiro, que determinou o seu dialectismo territorial. Agora tratamos de ofrecer ao galego novas funcionalidades (técnicas, dixitais, internacionais, etc). Cada vez vese máis nas redes sociais a presenza do galego. No Bierzo medra a demanda deste idioma nos centros escolares. O seu alumnado quere estar ben preparado idiomáticamente, ante as universidades veciñas, as ofertas profesionais variadas, as viaxes ao estranxeiro, etc.

            Non podemos rematar, sen dicir que o galego do Bierzo posibilita as comunicaciois en Galicia mais tamén en Portugal. Sabemos das diferenzas parciais entre o galego e o portugués (léxico, fonética ou gramaticais). Agora ben, non cabe dúbida que saber galego facilita a comunicación en Portugal. Co galego do Bierzo resulta máis doado moverse por Lisboa, Braga ou Porto. Ninguén pode negar que a reciclaxe lingüística, cara ao portugués, é máis doada para un berciano galegofalante que para un castelán de Valladolid. Deste xeito, o idioma galego convértese en idioma internacional co portugués. Máis funcionalidade imposible!.

O Bierzo, agosto de 2023.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

martes, agosto 01, 2023

A TOPONIMIA GALEGA DAS LOCALIDADES BERCIANAS.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL.


A TOPONIMIA GALEGA DAS NOSAS LOCALIDADES,

Por Javier Lago Mestre.

Na rexión berciana existe desde a Idade Media a lingua galega. Por suposto, este idioma está moi presente na actualidade, na onomástica (nomes, motes, alcumes…), hidrónimos, orónimos, fitónimos, etc. Nesta ocasión queremos tratar dos chamados epónimos que fan referencia aos nomes de lugares. Estes na nosa rexión berciana son abondosos. Recordemos os nomes de vilas, barriadas ou barrios. En un nivel máis pequeno, as quintas, brañas, alzadas, malladas, etc que tamén foron poboadas por gandeiros.

            Na toponimia maior salientamos os nomes de concellos. Son os casos da Veiga de Valcarce (non Valcarcel), Valboa, Trabadelo, Barxas, Oencia, Sobrado, Vilafranca do Bierzo, Corullón, Toural dos Vaos, Cacabelos, Carracedelo, A Ponte Domingo Flórez, Carucedo, Borrés, Arganza, Cabanas Raras, Camponaraia, Sancedo, Fabeiro, A Veiga de Espiñareda, Candín, Peranzaes, etc.



            Convén ter en conta os outros moitos nomes de localidades menores tamén en galego. Abrangue varias denominaciois, pedanías, barrios, lugares ou anexos. Xestoso, Busmaior, Paraxis, Ruideferros, Teixeira, Aira da Pedra, Vilela, Vilafeile, Soutelo, Soutoparada, Prado de Paradiña, Pobradura de Somoza, Ponte de Rei, Teixedo de Ancares, Naraiola, Vilaboa, Pieiros, Quilous, Rioferreiros, San Xoan de Palozas, etc.

            Outras denominaciois son os corónimos, que fan referencia a nomes de espazos xeográficos amplos (rexións, comarcas, vales…). Por suposto, temos a rexión do Bierzo, que abrangue outras comarcas. Velaí A Cabreira, Aguiar, Valcarce, A Somoza, Ancares e Fornela. Doutros tempos son as denominaciois comarcais da Cabreira alta (Truitas), Lousada (A Baña) e A Ribeira (A Ponte), Ulver (Cornatelo), Valdoza (Valdueza), Compludo, quintería de Montes, etc.



            Abraiante é a presenza da microtoponimia galega. Son os numerosos exemplos de hidrónimos (ríos, regos, regueiros…), orónimos (montes, outeiros, lombos, etc), litónimos (pedras, roqueiros…), fitonimos (carballeiras, soutos, piñeiros, devesa do Fabeiro…), zoónimos (lobeiras, oseiras, etc.

            Outros topónimos fan referencia a vías de comunicación (carreiros, sendeiros, corredoira…), explotaciois agrogandeiras (eiros, liñares, hortos, agras, brañas, morteiras, etc), fortificaciois (castros, castelos, coroas, etc.

O Bierzo, agosto 2023.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

OS ATAQUES LEONESISTAS AO GALEGO DO BIERZO.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL.


OS ATAQUES LEONESISTAS AO GALEGO DO BIERZO,

Por Javier Lago Mestre.

Todos ben sabemos do complexo xogo político entre os partidos. Dereita contra esquerda, constitucionalistas contra nacionalistas, etc. Iso si, cando chega a hora dos pactos políticos para gobernar, quedan ao marxe as ideoloxías e gaña o pragmatismo. Existen dous grandes partidos estatais, ademais doutras formaciois uniformizadoras (Vox, Ciudadanos, Upd…), nacionalismos periféricos e mailos rexionalistas. Neste caso queremos salientar un exemplo peculiar. Trátase do partido Unión do pobo leonés (Upl), un partido rexionalista que defende a segregación do seu país leonés (LE-ZA-SA) da Comunidade autónoma de Castela e León.

            Recientemente a Upl remesou un texto aos medios de comunicación no que critica os intentos de rotulación en galego da toponimia do Bierzo. Segundo eles, a Xunta de Galicia non ten competencias lingüísticas para facelo. Por iso acusan dunha nova invasión cultural galega que eliminará as consideradas súas falas locais leonesas (fornelo, ancarés...). Tamén teiman no presunto colonialismo cultural nas terras leonesas que impoñerá o galego aos cidadáns.



            Razón pola cal, o galego para os leonesistas é un idioma foráneo que en nada se semella ao seu galego local. Segundo eles, o galego é o de Santiago, normativizado, tan diferente ao galego dialetal berciano. Para eles, a súa fala galegoleonesa non ten relación co idioma galego. O único certo é que Galiza e O Bierzo compartimos lingua e entendemento mútuo, algo do que carecen no Leste leonés.   

            Por suposto, ese leonesismo político agocha a presenza da cultura galega no Bierzo desde a Idade Media. Mais os historiadores coñecemos os tumbos dos mosteiros bercianos (Carracedo, Cruniego, Espiñareda…) e galegos (Samos, Oseira, Cebreiro…), onde atopamos centos de documentos cos nosos topónimos en galego. Sen embargo, na Idade moderna progresa a castelanización toponímica nos censos fiscais e catastros. A consecuencia é que hoxe teñamos que vindicar A Veiga de Valcarce, Barxas, Vilafranca, Valboa, etc. A microtoponimia ten resistido mellor, ainda que a despoboación ameaza a súa memoria coletiva. Pola contra, a Lei do réxime local de Castela e León aínda obriga a que a denominar os concellos en castelán (artigo 24.1). 



            Cando a dita Upl fala de invasión política descoñece que desde O Bierzo demandamos a colaboración da Xunta de Galicia con preguntas parlamentarias. Tamén queremos a participación da Comisión toponímica de Galicia que ten investigado tanto na normalización toponímica. Os colectivos galeguistas sabemos da importancia das instituciois públicas, propias e alleas, na proteción do galego. Velaí a reclamación dun convenio ou protocolo xurídico entre Xunta, Junta e Consello comarcal berciano que regule a colaboración con medios persoais, técnicos e económicos conxuntos. La Lei da Comarca do Bierzo recolle a mención expresa á “protección e fomento do galego”, que ben se pode realizar coa restauración toponímica galega.

A REVIRADA POLÍTICA ANTIGALEGA.

            A Upl ten por costume atacar sen medida a lingua galega do Bierzo. Lembramos cando se recoñeceu o idioma galego no Estatuto de autonomía de Castela e León (ano 1999), daquela se falaba da imposición da presunta oficialidade. Cando chegou o ensino do galego aos colexios e institutos (2000), críticas de colonización e obrigatoriedade de dito idioma foráneo. Logo asistimos ao intento da Upl de eliminar a mención do galego no Estatuto de autonomía de Castela e León (2005). No seu momento non faltaron as críticas á RTVG pola súa misión de aculturización antileonesa. Hoxe voltan á carga, acusan infundadamente de rotulación forzosa da toponimia galega no Bierzo. O derradeiro delirio leonesista ten sido un cartel da Upl juventudes. Neste carteliño xorde unha man co debuxo da bandeira galega que apresa un mapa do Bierzo, co lema “fuera la garra gallega”. Todo é pura dinámica política antigallega e, á vez, antiberciana.



            Para a revirada dinámica leonesista hai un plan político de afastar máis O Bierzo de León, co fomento da cultura e lingua galegas. Os seus inimigos son claros, A Xunta, o nacionalismo galego e maila Junta de Castela. Estes tres xuntos fan a pinza política ao illado leonesismo. Ademais, os galeguistas do Bierzo son a quinta columna que cuestionan constantemente a existencia das esencias leonesistas (historia, territorio, cultura…). Baixo esta agresiva ideoloxía leonesa, convén saber que a Upl ten escasa representación política e menor apoio social na comarca. Para nada esta desesperada reación terá consecuencia negativas nos procesos de normalización do galego no Bierzo que seguerán paseniño no século XXI.

O BIERZO, AGOSTO DE 2023.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es