lunes, diciembre 25, 2023

VI MARQUES DE VILAFRANCA CONTRA CATALUNYA

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


O MARQUÉS DE VILAFRANCA CONTRA CATALUNYA,

Por Xabier Lago Mestre.

O Goberno de España trata desde hai tempo de normalizar as relaciois políticas con Catalunya. Ben sabemos todos dos intentos de segregación territorial unilateral, dos disturbios rueiros, da proposta de amnistía política, etc. Toda esta conflitividade política ten tensionado hoxe as relaciois entre os partidos e no seo da cidadanía. O certo é que as relaciois dificultosas entre España e Catalunya veñen de lonxe. Neste caso imos ver o que acontecera no século XVII, concretamente coa revolta catalá de 1640, e a relativa participación berciana.

            Na chamada época Barroca a alta nobreza, caso dos marqueses de Vilafranca, participaban ativamente no goberno de Castela. Este foi o caso dos irmaos, García Alvarez de Toledo (VI marqués de Vilafranca) e Fadrique (primeiro marqués de Villanueva de Valdueza). Ámbolos dous foron capitáns mariños de galeiras de España (no Mediterráneo e no Océano, respetivamente). Por certo os dous familiares caeron en desgraza ante o conde duque de Olivares e metidos na cadea. Neste escrito imos centrarnos no primeiro e na súa participación militar contra a revolta catalá de 1640.



            O VI marqués de Vilafranca tivo varios vincallos con Catalunya. Sabemos que en 1636 negocia a achega de tropas cataláns aos exércitos da Coroa española. Máis importante foi a súa participación ativa na luita contra a Catalunya rebelde. Na chamada revolta “dels segadors” (xuño de 1640), éstes atacaron aos oficiais reais ao berro de “visca el rei d´Espanya, muiren els traidors”. Os amotinados foron contra o pazo do Virrei de Catalunya, ao cal asasinaron durante a súa fuxida, e tamén queimaron a casa do marqués de Vilafranca do Bierzo.

              A revolta catalá comezou cos seitadores que acudiron a Barcelona na procura de traballo agrícola. Agora ben, medrou a rebelión polo descontento xeral contra as imposiciois do goberno de Castela, cos recrutamentos, abusos dos soldados dos tercios, resistencia aos aloxamentos militares,  etc. Había unha crise militar e facendística da Coroa de Castela que forzou a política centralista, mediante o sometemento dos reinos ás leis de Castela. Así o conde duque de Olivares presentou a Union de armas en 1626, que causou o rexeito dos reinos máis autonomistas coma Catalunya e Portugal. Por último, a política internacional favoreceu a Francia que conquistou  Roselló e Cerdanya.  

        Existe unha carta dos consellers de Barcelona (18 de xuño de 1640) que remiten ao marqués de Vilafranca. Na misiva desculpanse pola queima do seu pazo en Barcelona, e indican que se tiraron tiros desde a casa aos seitadores cataláns, á vez que tratan de descubrir e detener aos delincuentes. Por suposto, estes acontecementos influiron na política de man dura e no ofendido orgullo do noso marqués con Catalunya.  



            O marqués xa tiña aconsellado ao conde de Olivares, en 1637, amosándolle a súa desconfianza cos cataláns, “viene a ser 6,000 pleitos que se acabarán en años y la provincia se ríe”, e incluso propuso a formación dun exército de 15.000 castelaos fronte aos 6.000 cataláns. Está claro que o marqués defendía a estratexia militar para resolver este conflito territorial. Por iso, cando as súas galeiras chegan a Palamós, escribe que “si brevemente no se corrigiesen podrían dar motivo a una guerra enfadosa en España” (1640).

            Cando se produce a revolta en Barcelona, “dels segadors”, el marqués de Vilafranca levou as súas galeiras ao seu porto. Nesta cidade rebelde tivo un problema  político co virrei de Catalunya, o cal non puido fuxir nos seus barcos, e foi capturado e morto polos rebeldes. O marqués marchou para Cartaxena sen deixar barcos para o dito virrei (xuño de 1640). Entre os seus actos bélicos salientamos o bloqueo de Barcelona, e o levantamento dos sitios de Tortosa, Roses e Tarragona. Neste último caso foi acusado polo duque de Olivares de non afundir a flota francesa.

            O marqués de Vilafranca remesa os seus memoriais (xaneiro e febrero de 1641). Neles fala de facer un castigo a palos para cataláns. E propón, para depois da conquista bélica, a creación dunha cidadela militar en Barcelona e a construción de 4 presidios en Lleida, Tarragona, Girona e Tortosa. Nos seus escritos insiste na amenaza catalá, “a todos los reinos de su magestad y provocar la pérdida de España toda”. Recordemos que España daquela xa estaba en guerra con Portugal que tamén loitaba pola súa independencia política. Por todo o dito, sentenciaba que “jamás me convendré en ningún acuerdo con Cataluña”.  

SÁTIRA NAPOLITANA DO MARQUÉS 


            Como en todo conflito bélico hai negociaciois políticas para rematar coa guerra. Mais resta clarexo que o marqués aposta pola vía militar. Por iso nun novo memorial ao rei Felipe IV comenta “lo mucho que conviene domar aquella provincia sujetándola desta vez para perpetua obediencia a Vuestra Majestad” (setiembre 1641). A linguaxe do nobre non deixa dúbidas, quere a derrota total dos cataláns até o seu dominio. Noso militar establece a súa estratexia castelá ofensiva, atacar Tortosa, Tarragona, Lleida, para conquistar depois Cervera e finalizar con Barcelona.

            Convén dicir que no bando real non todos compartían a estratexia belicosa de García Álvarez de Toledo. Outra carta, coñecida coma Consulta da Junta Grande (xaneiro de 1641), refírese a que os marqueses de Miravel e Castrofuerte pediron que se queimara unha carta do VI marqués de Vilafranca ao conde duque de Olivares. Eses dous nobres amosan clara oposición ás opiniois do marqués berciano. O propio rei Felipe IV comentou que “Si el marqués entendió y entiende que no puede haber composición (…) yo soy padre en cualquier parte que venga el hijo”. Estas palabras da Coroa son exemplo do apoio á vía negociadora con Catalunya que o noso marqués rexeitou sempre.

RESISTENCIAS FISCAIS


            Abraia agora esa postura tan belicosa do VI marqués de Vilafranca. Sen embargo, convén coñecer o lema presente no panteón do convento da Anunciada, “Terror y castigo”. Os marqueses de Vilafranca teñen unha historia moi represora. Recordamos as fortes condenas contra os seus vasalos que apoiaron as revoltas do conde de Lemos. Os seus recadadores de impostos señoriais non tiveron piedade cos pobres pecheiros. Habería de escoitar as queixas dos rebeldes napolitanos que foron reprimidos duramente polos virreis bercianos. E, por suposto, temos presentes os mortos nas batallas navais, comandadas polos sucesivos marqueses, no Mediterráneo, no Océano ou nas costas catalás. Velaí a outra historia que non xorde nas guías turísticas.

            O comentado sexto marqués de Vilafranca foi un militar e político español que defendía o imperio español porque cobraba moitos cartos dos seus diversos cargos cortesanos. Pola outra banda, pertencía á casta da alta nobreza, protexido por un réxime xurídico que lle privilexiaba pola súa linaxe (marqueses). Velaí que mirase con superioridade aos seus vasalos e tamén aos rebeldes cataláns, que tiñan a obriga imperial de someterse ao seu rei castelao. Non pensaban o mesmo outros moitos, caso do político Diego Saavedra Fajardo que sabía que “ninguna otra provincia gozaba de mayores bienes ni más mayor libertad que Cataluña, porque ella era dueña de si misma”  (libro Locuras de Europa).

O Bierzo, xaneiro de 2024.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

jueves, diciembre 21, 2023

INFORME SOBRE O GALEGO DO BIERZO PARA CONSELLO DE EUROPA

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


INFORME SOBRE O GALEGO DO BIERZO

PARA O CONSELLO DE EUROPA

DO COLETIVO FALA CEIBE DO BIERZO.

            O coletivo Fala Ceibe presenta o seguinte informe sobre a situación do idioma galego na rexión do Bierzo. Este traballo será presentado ante representantes do Consello de Europa, que visitarán Madrid (xaneiro de 2024), para coñecer a execución da Carta europea de linguas rexionais e minoritarias no reino de España.

CONTEXTO DO GALEGO NO BIERZO.

            O galego está presente na rexión do Bierzo desde a baixa Idade Media. A comunidade galegofalante concéntrase hoxe na zona ocidental. Ante a falta de enquisas sociolingüísticas non hai forma de saber o número de falantes, aínda así se fixan 35.000 falantes de xeito xeral. Sen embargo, habería que distinguir entre os ditos falantes e os bercianos que son capaces de entender esta lingua que son moitos miles máis do total da poboación comarcal (119.000 en 2023). O noso galego só ten un uso normalizado nos eidos familiares, veciñais e rurais.



            Históricamente o idioma galego está presente no Bierzo ocidental. Este territorio non é doado de delimitar (por líndeiros xeográficos, toponimia ou isoglosas lingüísticas). Por iso demandamos que se evite a delimitación xeográfica restrictiva (ríos Cúa ou Sil) e que se execute un criterio xeográfico aberto e amplo (metade ocidental do Bierzo).

O RECOÑECEMENTO POLÍTICO-XURÍDICO.

            Tras décadas de demandas lingüísticas, hai dous textos lexislativos que recollen o recoñecemento do galego no Bierzo. A Lei orgánica do Estatuto de autonomía de Castela e León, “gozará de respeito e proteción a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice” (artigo 5.3). Tamén se recolle o galego na Lei da Comarca do Bierzo (modificación de 2010) nun texto semellante (at. 1.4).

            Por suposto, temos demandado a cooficialidade do galego no Bierzo ante as Cortes Xerais de Madrid, para acadar os mesmos dereitos lingüísticos que na Galiza. Tamén se reclama a presentación dunha Lei autonómica de protección de linguas de Castela e León que garantice uns mínimos dereitos.    



GALEGO NO ENSINO PÚBLICO.

            O noso idioma pódese estudar de xeito voluntario nos centros escolares do Bierzo, nos ciclos de infantil, primaria, secundaria, bacharelato e escola oficial de idiomas de Ponferrada. O problema é que esta lingua non é de oferta obrigatoria para os centros escolares do Bierzo ocidental. Isto significa que hai centros aínda non ofertan a lingua galega, polo que moitos alunos non poden exercer libremente a súa demanda voluntaria de estudo de galego. Demandamos pois que o galego sexa de oferta obrigatoria en todos os centros do Bierzo ocidental.

GALEGO NAS ADMINISTRACIOIS PÚBLICAS.

            Ante a falta de cooficialidade do galego no Bierzo, non hai obrigación de uso administrativo do galego nas instituciois locais (Consello comarcal, concellos e pedanías das localidades). A escasexa de medios económicos e persoais das instituciois locais empece políticas lingüísticas. Para superar estas carencias, demandamos a creación dun Servizo lingüístico polo Consello comarcal que fomente o uso administrativo polos entes locais comentados.

            O Bierzo depende administrativamente da Junta de Castela e León e da Deputación de León que non amosan interese político polo fomento do galego. A dita Deputación ten o Instituto leonés de Cultura e concede unha mínima subvención para o  galego. A Universidade de León crea a Cátedra de estudos leoneses que ignora o noso galego nas súas actividades. Fai falta unha Lei autonómica de linguas de Castela e León que fixe algúns dereitos lingüísticos ante as administraciois (rexional, provincial, comarcal, municipal e pedánea).



OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN.

            Por suposto, os medios de comunicación están todos en castelán. Soamente alguis xornais dixitais admiten o uso galego de xeito ocasional através dos escritos dos colaboradores. A compañía de televisión pública de Castela e León ignora o galego nas súas emisiois da sede local do Bierzo.

A TOPONIMIA.

            A toponimia tradicional do Bierzo ocidental está presente en galego, na fala popular e na documentación histórica medieval. Sen embargo a toponimia oficial está escrita en castelán. Incluso se nos obriga a ter a toponimia en castelán, por Lei autonómica de réxime local de Castela e León (1998), “a denominación dos municipios haberá de ser en castelán, respeitándose as denominaciois existentes (…) (art. 24.1).



GALEGO NAS ATIVIDADES ECONÓMICAS.

            A nosa lingua está escasamente presente nas atividades económicas. Xorde o galego de xeito ocasional nas marcas dalgúns produtos agrarios (viños, hortícolas, frotícolas, etc).

AS NOVAS TECNOLOXÍAS.

            Resulta ser o espazo tecnolóxico un lugar de liberdade lingüística. Velaí a presenza do galego sen limitaciois (webs, redes sociais, blogues…). O resto de espazos públicos resultan controlados polos poderes políticos e xornalísticos e, polo tanto, empecen o uso do galego do Bierzo.

O Bierzo, decembro de 2023.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

sábado, diciembre 16, 2023

AS IDADES DO HOME EN VILAFRANCA DO BIERZO.



AS IDADES DO HOME NO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

Temos novas recentes da concesión definitiva da exposición As Idades do Home a Vilafranca do Bierzo para o ano 2024. Resulta un acontecemento sobrandeiro que todos apoiamos. Aproveitamos a ocasión para facer unhas propostas bercianas que sirvan para enriquecer o contido da dita exposición.

            O primeiro é comentar que está moi ben establecer unha sede dual con Santiago. Velaí que os gobernos da Xunta e da Junta asinaron un protocolo de colaboración para executar esas exposiciois con apoio económico mútuo. A “Fundación de las Edades del Hombre” aprobou que para o ano 2025 a exposición sexa compartida entre as ciudades de Zamora e Porto (Portugal). A sede dual entre Vilafranca e Compostela só traería beneficios comúns. A vila berciana ten poder de atración turística propio. Agora ben, mediante a unión interurbana haberá unha publicidade dobrada. Compostela é a capital de Galicia, un centro rexional, administrativo, económico, etc. con forte posicionamento mediático en España, de todo isto pode ben aproveitarse Vilafranca indiretamente.



            Pola outra banda, na dita exposición non se deberían pasar por alto as vinculaciois históricas entre Galicia e mailo Bierzo. A catedral de Santiago tivo incluso posesiois territoriais bercianas, casos da vila de Cacabelos, Busmaior, Trabadelo, Parada de Souto e Soutoparada y Lindouso. Outro tanto aconteceu coas numerosas freguesías dependentes do bispado de Lugo nos vales de Barxas, Valcarce e Valboa. Outras instituciois relixiosas galegas tamén tiveron influenza territorial na nosa rexión. Son os casos dos mosteiros do Cebreiro (Perexe), Samos en Vilela, Meira, Sobrado dos Monxes, etc. Convén tamén recordar os vincallos entre Compostela y Villafranca no tema das ámbalas dúas portas do perdón, onde se pode gañar o xubileo.

            Outra proposta é que na exposición de Vilafranca se traian obxetos relixiosos levados fóra do Bierzo. Referímonos a obxetos bercianos presentes en museos leoneses. Como exemplos disto, os relicarios da Colexiata de Vilafranca , esculturas e cruces parroquiais en Astorga, o Calvario de Corullón e a Cruz de Peñalba en León, libros do desamortizado mosteiro de Carracedo, etc. Neste contexto, habería que recordar as apropiaciois de reliquias pasadas, casos dos roubos de restos eremíticos en Penalba de Santiago ou a traída do corpo de Lorenzo de Brindis desde Lisboa polos marqueses de Vilafranca. Deste xeito, compensaríase dalgunha forma a forzada deslocalización de bens relixiosos bercianos de xeito irregular.



            Outro aspecto que se debe ter en conta na exposición berciana é o tema da presenza dos territorios periféricos galegos do bispado de Astorga. A zona pastoral de Galicia comprende 5 arciprestádegos, a saber, A Rúa, O Barco, A Veiga, Viana e Trives-Manzaneda, con máis de 290 localidades e barrios. Polo tanto en Villafranca terían que estar obxetos relixiosos destes territorios e feligreses como respeito e homenaxe.

            Engadimos que Villafranca foi considerada “abadía nullius diócesis”, o cal significou a exención parcial do bispado de Astorga durante séculos. Vilafranca tivo feligresías, bercianas e galegas, dependentes da súa colexiata. Concretamente, nas comarcas da Somoza e Aguiar no Bierzo, Valdeorras, A Cabreira, O Bolo e Viana. A exposición ben debería reconocer este feito histórico, así como a súa conflitividade institucional, e non agochalo unha vez máis por parte das autoridades eclesiais. Neste contexto relixioso estivo ben presente o mecenazgo dos marqueses de Vilafranca.



            Tampouco pode faltar o tema lingüístico da presenza do idioma galego no Bierzo e Valdeorras. O bispado de Astorga ten ignorado esta problemática e vai sendo hora de que tome conciencia disto. Centos de fregueses, durante séculos, non viveron a religiosidade católica na súa lingua materna en galega, ante o centralismo idiomático castelán ordenado dende Astorga. A exposición de Vilafranca debería amosar certo respeito á lingua galega mediante a colocación de paneis informativos bilingües. Ademais da presenza de documentación en galego dos mosteiros bercianos de San Pedro de Montes e Carracedo. Sinxelos e baratos xestos eclesiais que demostrarían o necesario cambio de atitude ante o bilingüismo do Bierzo e Valdeorras.

            Esta exposición conxunta, entre Vilafranca e Compostela, vai favorecer a renovación dos vincallos históricos e relixiosos entre ámbolos dous territorios. Sen dubida vai favorecer a chegada de turistas de Galicia ao Bierzo e, polo tanto, o desenvolvemento económico doutras vilas da nosa rexión, por exemplo, Cacabelos e Ponferrada, por cercanía e capacidade hoteleira. Aínda moitos recordamos a anterior exposición das Idades do Home en Ponferrada, titulada “Yo camino” (2007), e as positivas consecuencias que tivo para a promoción turística de todo O Bierzo. Vilafranca posúe edificios máis importes que ofertar (S. Francisco, S. Nicolás O Real, A Colexiata e  A Anunciada) que presaxian un éxito sen igual para esta localidade que non quere afastarse da veciñanza galega.

O Bierzo, decembro de 2023.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

lunes, diciembre 11, 2023

A TRASHUMANCIA TAMÉN PATRIMONIO DA HUMANIDADE.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


A TRASHUMANCIA É PATRIMONIO DA HUMANIDADE.

Por Xabier Lago Mestre.

A trashumancia ten sido declarado patrimonio inmaterial da humanidade neste 2023. Poucos saben que aínda hoxe hai trashumancia entre Galiza e O Bierzo. Referímonos a eses gandeiros de Cervantes que traen o seu gando maior (touros e vacas) até Campo da Auga en primavera. Mais esta atividade gandeira ten moita historia na rexión do Bierzo. Por vén a conto facer un rápido percorrido por algunhas pescudas da trashumancia na rexión berciana.

            Sabemos que na Idade Media o mosteiro berciano de Carracedo conseguiu dos reis diversos privilegios para que o seu gando puidese pastar libremente nos pasteiros comúns (Alfonso IX, 1218), ou para levar rabaños de ovellas ás comarcas da Ribera, A Cabreira, Viana e A Seabra (1317). O dito cenobio tiña granxas gandeiras en Cervantes e Ancares (pena Cabalar) con importantes cabanas gandeiras. Curioso foi caso da fundación mítica de Vilafranca. Segundo a lenda uns vaqueiros asturianos seguiron a súa vaca branca que non parou até chegar un lugar onde se orixinou Vilafranca do Bierzo.



            Por suposto, conservamos máis documentos da trashumancia na Idade Moderna. Así sabemos da presenza de vaqueiros bercianos en Villablino. En  1543 gandeiros galegos e bercianos foron atacados, en Laciana, por cabaleiros do conde de Luna que reclamaba o dominio dos portos e brañas concellís. Pola outra banda, os marqueses de Vilafranca controlaban os importantes pastos da Cabreira (1555, As Verdianas, Camporromo, Butargas, Casaio, etc) que arrendaban a gandeiros foráneos. Outras executorias xudiciais son contra o concejo de Laciana polos rompementos e a ocupación de terras que perxudican os pastos dos rabaños da Mesta (1593).

            A organización de gandeiros castelaos, o Honrado Concejo da Mesta, protexido pola Corona trata de asentar o seu poder na provincia do Bierzo. Isto provoca o rexeito dos concellos locais porque deben compartir pastos con gandos foráneos. En 1639 unha resolución obriga a Bembibre e concellos da contorna a ser irmaos do Concejo da Mesta e someterse á súa xurisdición privativa. Outro tanto aconteceu no preito entre A Mesta e os concellos do mosteiro de Santo Andrés de Espiñareda (1631). Nesta ocasión acusa aos bercianos de “relaciones siniestras de quatro años a esta parte se an essimido de la jurisdiccion de su magestad”, por iso se pretende o sometemento aos xuíces da Mesta foránea.



            Tamén Ponferrada e contorna foi obxetivo estratéxico da Mesta, xa que “los pastores y rabadanes que residen en la provincia del Bierzo, por los malos tratamientos que reciben de las justicias ordinarias”, velaí a presenza dun alcalde da Mesta para imponer o seu poder gandeiro.        En 1786 sabemos dun preito xudicial polo que parroquias de Donis (Cervantes) se opoñen á entrada de ovellas meirinas de Ávila  que veñen da provincia do Bierzo, porque compiten cos pastos do gando local en porto da Cespedosa. Os concellos bercianos de montaña arrendaban as súas brañas para ter ingresos económicos que servían para pagar os diversos impostos reais e señoriais (caso de Valseco y Salientes en 1763). Otra peculiar trashumancia foi a dos gandos de Bouzas que baixaban a Ponferraba na procura de pastos, fuxindo das altas neves invernais.

            Un caso paradigmático da trashumancia berciana foi Campo da Auga. En primavera os veciños de Aira da Pedra abandonaban esta localidade para subir temporalmente até Campo da Auga (cos barrios do Regueiral e As Valiñas) e aproveitar vivendas, cultivos e pastos para o seu gando. O certo é que tódalas localidades bercianas que vivían da gandeiría fixaron veceiras. Esta institución comunal consistía na formación de conxuntos animais (ovellas, cabras, cerdos, cabalos…). Os animais privados xuntábanse nun rabaño conxunto baixo un pastor que levaba as bestas até os pasteiros lonxanos. Os pastores podían ser os propios veciños por quenda ou outros contratados.     



            Das infraestruturas propias da trashumancia coñecemos os seus peculiares camiños gandeiros (canadas, cordeis, veredas e coladas, segundo o seu diferente tamaño). En Burbia existe o camiño dos bois galegos. Outras instalaciois gandeiras foron as brañas, alzadas, malladas, cabanas e corrais. A nosa toponimia de Ancares e Fornela está chea de referencias gandeiras (Morteiras, Campa das Ovellas en pico Tres Bispos, Alto das Becerreiras, A Veiga dos Bois en Porcarizas, Vaqueiros…

            Por suposto, os libros de Castela e León descoñecen nosa historia e nin nomean nosa trashumancia. As meirinas castelás entraban na nosa rexión polos portos de Foncebadón, Manzanal e Cabreira. A fines do século XIX estaba catalogada a Canada Real Coruñesa polo centro do Bierzo. Aínda hoxe Benavente conserva no seu rueiro o nome de Cañada real berciana. Coa chegada do ferrocarril o desprazamento de gando fíxose por este medio de transporte, incluso na estación de Astorga houbo edificio de cargue de meirinas.  

O Bierzo, decembro de 2023.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

domingo, diciembre 03, 2023

A TOPONIMIA GALEGA DE VILAFRANCA.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


A TOPONIMIA DE VILAFRANCA,

Por Xabier Lago Mestre.

Vilafranca do Bierzo é unha importante localidade do Camiño de Santiago. Ademais identificamos Vilafranca cun pequeño municipio hoxe. Máis antigamente foi unha xurisdición formada por 13 aldeas, e tamén deu nome a un amplo marquesado señorial da Idade Moderna (Valcarce, Aguiar, Corullón, Cabreira, etc). Agora trataremos de pescudar na pequeña toponimia que conserva esta vila e a súa contorna.

            Por suposto para saber da toponimia histórica consultaremos os vellos textos medievais que conservan os tumbos monásticos.  A primeira referencia da nosa localidade foi Burbia, “sita estin villa Burvia, que alio nomine nuncupatur Villa Franca” (ano 1120). Cando se populariza o nome de Vilafranca, engádese a expresión “cerca de Valcalce”. Aínda hai debate sobre a razón da nova denominación, se pola presenza de francos (relacionados co mosteiro do Cruñego) ou pola concesión real de foro vilego cos correspondentes dereitos francos.



            A organización interna de Vilafranca dependeu das primitivas igrexas (Santiago, Nicolás, Catalina…). Sabemos dos vellos nomes dos primeiros barrios (Seco, Falcón, Catalina, Santi Espiritus, Santiago…). A isto hai que engadir a presenza de novos barrios periféricos, fóra da cerca e das portas (Salvador, Concepción, Tejedores, Granja…).

            Do século XIV o mosteiro de Cluni achega outros documentos, “en el dicho lugar de Villafranca, e ias u dicen Cucelo, so signo de Santa María de Villela, e ha términos de vinna de vos mismos, e por términos vinna de San Bras (1376)”. Lemos a peculiar grafía ll e nn en lugar de l e ñ respectivamente, éstas propias da oralidade local.

             No Cartulario do mosteiro de Carracedo temos varios documentos que nos falan da toponimia de Vilafranca. “Duas vinnas que eu ei en Villafranca, su signo de Sancta María de Crunnego. Una destas vinnas chaman a vinha das Troitas (…), outra vinna chaman das Fontainas” (1312). Neses temos sabemos da existencia dun vello castelo, anterior á fortaleza dos marqueses, “una bodega del monasterioque es en el castello, en la colación de Santiago” (1408). E non todo eran viñas, “cerca dese lugar de Villafranca, o disen la Devesa, so signo de Santiago”.



            Se estudamos o tumbo do cenobio de Santo Andrés de Espiñareda, atopamos tamén referencias a Vilafranca. “El poulo iaz hu chaman Bergonno, per términos de Nicholao Paleyro e Domingo Perez Capellan de San Nicolao, e pela carrera antigua a Val de Aquil” (1266). Incluso con menciois aos concellos populares no Campairo, “concello de Villafranca ayuntado en la eglesia de san Nicolao de Villafranca” (1290). Como temos visto, os sucesivos escribanos e monxes utilizaban a grafia que coñecían en cada época, onde non resulta extraña a lingua romance galega.    

            Para saber da toponimia do século XVIII relemos o tumbo do priorato do Cebreiro. Así atopamos “una viña sita en Cotelo, término de Villafranca” (1755), e outro texto, refírese a un foro de viña “na Pedreira, término de Villafranca, colindante con camino y jardín do marqués de Villafranca” (1756). Os grandes propietarios (laicos e eclesiásticos), controlan a terra, caso do convento da Asunción de Vilafranca que paga por unha viña sita no Toleiro (1760). Topónimos galegobercianos continúan en textos casteláns, “por el medio día camino de carro que baja al sitio que llaman Millaradelo y da con el de Fompombeiro” (1788).



            Na propia Vilafranca temos numerosos topónimos ben galegos. Casos do requeiro Barbuliña e a praza da Xirula. A praza do Campairo perdeu a súa igrexa medieval de San Nicolás, e con ela, desapareceron as xuntas do concello e o seu mercado vello. O Campo baixo recorda o Campo Cruñego que esnaquizou terreo comunal para dar orixe ao xardín da Alameda no século XIX.

            Outros topónimos locais ben que trocaron. Caso da rúa de Auga (recordo das enchentas humidas) que foi tamén de Ribadeo (ferrocarril a Villaodrid) e do almirante Topete (guerra de Cuba), segundo os mandatos políticos. Os gobernos de turno impuxeron Comandante Manso (Campo baixo), Fernández Marva (Campairo), praza Generalísimo (praza maior) ou Calvo Sotelo (A Pedreira).



            Vilafranca é moi monumental e isto modifica a traza urbana e maila nova toponimia. Os máis significativos edificios arquitetónicos condicionan casarios (Castelo, Anunciada, Colexiata, Concepción, estación, etc). Outro tanto acontece coas que foron importantes fontes comunais (san Lázaro, Cubero, Trivijano, Quintano, Libertad…). A expansión urbana do século XX forma pequenos barrios coas urbanizaciois (Cotelo e Guindaledo).

            Aínda hoxe, nos pagos viñateiros de Vilafranca, atopamos topónimos ben galegos. Ao sur da antiga estrada nacional VI existen Tolleiro, As Chas, A Cabana, Fumpumbeiro, Cabalo latoso, Cerezais, regueira de Toleiro, camiño de Vilela, etc. Queremos que eses vellos topónimos non se castelanicen coas perdas do artigo galego, dos sufixos, etc. porque como tais forman patre do noso patrimonio lingüístico berciano secular. Mais os perigos impositivos axexan por doquier, coas concentraciois parcelarias, as novas vías de comunicación terrestres, os polígonos industriais, etc.

O Bierzo, decembro de 2023



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

viernes, diciembre 01, 2023

A VIAXE AO PORTO DE PORTUGAL,

                                                      LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL

A VIAXE AO PORTO DE PORTUGAL,

Por Xabier Lago Mestre.

Moitos bercianos temos de viaxar lonxe para sentir a vitalidade foránea da nosa lingua. Así acontece cando visitamos ás veciñas ciudades e praias de Galicia. Mais hai outra posibilidade, achegarse a Portugal. En outono sempre hai viaxes para Chaves, por mor do xantar do bo bacallau e merca de productos das súas amplas lojas. A verdade é que o portugués ten moitas semellanzas co noso galego, aínda que tamén hai diferenzas fonéticas e gráficas. Por exemplo, as nosas grafías, ll e ñ, corresponden no idioma luso coas lh e nh respectivamente.

            Nesta ocasión imos viaxar para a cidade do Porto, salientable capital do norte de Portugal. Se usamos o transporte público de seguro que chegamos á súa estación intermodal de Campanhá (metro, comboios e autocarros). Perto de aquí está o vangardista estadio do Dragao, da equipa futebol Porto. Na súa contorna atopamos topónimos agrarios ben recoñecibles, casos das rúas Lameira Cima, das Cavadas, das Antas (pedrafitas), bairros do Falcao e Meiral. Logo tomamos a rúa Bonfim, onde contemplamos a súa igrexa parroquial no outeiro e a casa rosa da Junta de feligresía. Chama a atención a forza das feligresías lusas en comparación coas nosas pedanías.



            Xa no centro da cidade temos a estaçao de Sao Bento, onde chegan os comboios (trens). Eiquí hai que desfrutar dos mosaicos azuis da sala principal dos pasaxeiros, con escenas labregas e históricas. Non moi lonxe atopamos a Sé da catedral, no seu terreiro temos a igrexa fortaleza e o pelourinho, coluna de pedra que representa a xustiza medieval e os foros municipais. Os pelourinhos están presentes en tódalas vilas e cidades de Portugal. Por cero, hai un dito portugués que recorda que “Lisboa divértese, Braga reza e Porto trabalha”, típico das competencias interlocais e históricas.

            Movémonos para a Cámara Municipal onde hai unha grande praza dos Aliados. Non lonxe temos a igrexa da Trindade e o visitado mercado do Bolhao para repoñer forzas con bos alimentos locais. E para gastar, a rúa Santa Catarina, ben chea de comercios e mercadorías de todo tipo, e poder visitar o seu café Majestic. Pola redonda están os vellos teatros Sá da Bandeira e Rivoli. Para o norte podemos chegar até a praza da República, coa súa mítica estatua alegórica e mailo pazo do Ministerio de defesa. Por certo, Porto ten a honra ser invicta porque resistíu os ataques da Coroa absolutista no ano 1832.

            Agora viramos para u suroeste, onde destaca a torre dos Clérigos. Para quen teña forzas, este edificio ten 225 chanzos de subida até a mellor vista da cidade. Perto a sede antiga da Universidade de Lisboa. Logo temos a libraría Lelho, famosa polos libros de Harry Potter, da escritora J. Rowling. Vaia escadas e andéis! cheas de bos libros para agasallar a calquera. A dous pasos, a igrexa do Carmo cos seus mosaicos e o hospital de santo Antonio. Por eiquí pasan os eléctricos (tranvías) que ben merecen unha nova foto.



            Recomendable é ir para os Jardins do Palacio de Cristal, onde repousar de tanta andaina matinal. Desfruta do miradoiro abraiante do río Douro. Por eiquí atopamos a biblioteca Almeida Garrett e o museo Romántico. Se hai tempo pódese subir para a praza de Albuquerque, onde está a estatua monumental á Guerra peninsular. Hai que pousar a vista no seu conxunto escultórico sen igual. No alto o león aliado derrota a águia napoleónica. Xunta o cemiterio de Agramonte, novo topónimo agrario tan común no noso Bierzo.

            A seguinte camiñata será para o sur, a Ribeira do Douro. Temos o museo do Carro Eléctrico e a igrexa Massarelos. Continuamos polo museo do Viño do Porto e a Alfándega (aduana), coa compaña dos lentos eléctricos. Polo Cais da Ribeira hai moito bulicio de xente, de turistas de tódolos países, que aproveitan as terrazas para desfrutar das vistas panorámicas do río Douro. Máis adiante a famosa ponte de Luís I,  dun só arco de ferro, de fines do século XIX. Recomendamos atravesalo pola parte de abaixo e logo voltar pola de enriba.



            Cruzamos a ponte para o impresionante mosteiro da Serra do Pilar, coas mellores vistas do Porto. Temos novo repouso no jardín do Morro, onde a mocidade desfruta do solpor. Estamos no municipio de Vila Nova de Gaia, localidade que sempre tivo o seu poderío viñateiro. As súas numerosas adegas gardaban o viño que baixaba polo río en rabelos (barcos), tras ser cultivadas as vides nos socalcos do Douro alto coa forza solleira. Mais a modernidade trouxo os comboios ferroviarios que remataron co dito transporte fluvial.

            A volta temos que facela por enriba da ponte Luis I, e desfrutar das vistas das outras pontes (Arrábida, Infante, María Pía). Curiosa resulta a ponte D. Henrique que oculta no seu interior comboios e pola superior circulan os autos (carros). Por certo, coidado cos eléctricos que tamén pasan pola ponte de Luís. Á dereita, os restos da muralla Fernandina, onde hai un antigo elevador. Por debaixo, a longa avenida Gustavo Eiffel remata nun túnel. Cando machan os derradeiros raios solares, Porto acende os xogos de luces artificiais como ningunha outra cidade. Que fermosura! os seus monumentos antigos, o casarío ribeiro, as altas pontes, todos reflicten soños nas augas, mentres a chuvieira deixa pingas sobre o pai Douro.

O Bierzo, decembro de 2023.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es