sábado, junio 29, 2024

AS LEONESADAS POLÍTICAS CONTRA O BIERZO

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


AS LEONESADAS POLÍTICAS,

Por Xabier Lago Mestre.

Recentemente a Deputación de León ten aprobada unha moción a prol da autonomía da rexión leonesa e da segregación da Comunidade autónoma de Castela e León. Todos sabemos ben que a resolución saíu adiante pola alianza conxuntural entre leonesistas e socialistas. Sí, estes últimos apoiaron a moción para conseguir manter o goberno de coalición na Deputación. Nada novo baixo o sol! noutros gobernos institucionais acontece o mesmo entre partidos de ideoloxías ben diverxentes.

            O curioso de todo este proceso de segregación territorial é a falta de claridade. O leonesismo político ten falado da súa autonomía para só a provincia leonesa. Agora se refiren á rexión leonesa composta de tres provincias. Agora ben, nin Zamora nin Salamanca teñen dito nada sobre o particular, nin súas institutuciois nin os eleitores. León dirixe a demanda política sen contar cos outros veciños. Mais a problemática segregacionista medra pois o alcalde de León declara que sería mellor a unión política entre León e Asturias. En fin, muito oportunismo político dos leonesistas que só queren un chisco de protagonismo mediático e certa mobilización da súa militancia.



            Por outra parte, O Bierzo non ten protagonismo para o leonesismo. Convén dicir que o leonesismo político non ten audiencia na nosa rexión, con mínima representación institucional e escaso apoio sociolóxico ante o bercianismo popular. Velaí que non se conte coas instituciois bercianas, caso del Consejo comarcal, concello de Ponferrada e principais vilas. O leonesismo político case que nada ofrece ao Bierzo en materia de descentralización até hoxe. Unicamente a vella promesa de creación dun hipotético distrito berciano fronte á recuperación da desexada provincia.

            O leonesismo político defende o seu historicismo, fundamentado no antigo reino medieval. Calquera outra institución carece de sentido para eles. Por iso negan a importancia do provincialismo histórico berciano. Ignoran a antiga provincia creada polos Reis católicos en 1486, e devalúan a provincia de Vilafranca do Trienio liberal de 1821. Tampouco interesa estudar o partido administrativo de Ponferrada do século XIX. Muchos recordamos as resistencias leonesas cando se aprobou a Lei da Comarca (1991) porque ameazaba a unidade territorial da súa provincia, idea maliciosa que aínda hoxe se divulga sen xeito.



            Outro tanto pasou co recoñecemento do ensino do idioma galego (1997 y 2000), con acusaciois de nova colonización cultural e imposición lingüística foráneas. Eses ataques leonesistas son exemplos das súas reacionarias políticas. Por certo, convén ter en conta que en Asturias hai rexeito contra o idioma galego da comarca Eonaviega, baséandose en que para os asturianistas só é unha sinxela fala local. No Bierzo temos abondo co asoballamento do Instituto leonés de Cultura, dependente da Deputación, que pasa do fomento do idioma galego do Bierzo, máis aló dunha mínima subvención.

            O leonesismo político só recoñece comarcas naturais, condenadas á despoboación e subdesenvolvemento, que teñen grande valor etnolóxico e patrimonial. O proxeto leonesista de comarcalización é turístico e pouco máis. Nada de descentralización comarcal, velaí o rexeito do novo poder institucional berciano coa nosa Comarca. O Bierzo reclama descentralización á Junta de Castela e León, que se concreta periódicamente na sinatura de novos convenios de colaboración que fixa o financiamento das competencias xestionadas. Outro tema é a descentralización da Deputación leonesa. Si, cedeu ao Consello comarcal o servicio de asistencia municipal e o Banco de terras rurais. Agora ben, isto resulta un balance político mui escaso.



            A Deputación de León é tacaña e acaparadora no Bierzo. A súa sede de Ponferrada debería ser do Consello comarcal para evitar duplicidades administrativas e eficiencia no gasto público. Outro tanto acontece coa materia de cultural, que debe ser xestionada pola Comarca, e non polo Instituto leonés de cultural. Outros departamentos a delegar son os parques de bombeiros, promoción turística, mantemento de estradas comarcais, recadación de tributos, etc. Ademais hai que establecer unha representación direta do Consello comarcal ante a Deputación, para evitar a carencia destas dúas instituciois elixidas de xeito indireto, que negocie as políticas provinciais na Comarca. Porque a Lei autonómica da Comarca e o Estatuto de autonomía de Castela e León recoñecen unha representación territorial ao Bierzo que non se pode pasar por alto e debe ser respeitada polas outras instituciois.

            Este comentado contexto institucional e político do Bierzo resulta ignorado polo leonesismo político que non aceita esta Comarca legal aínda como debería. A lexitimidade dos bercianos a reclamar maior descentralización non ten interese político para o dito leonesismo. Desde a creación da provincia leonesa, en 1833, a cidade máis beneficiada, demográfica e económicamente, ten sido León. Velaí a razón da forza do leonesismo político en León e maila súa contorna, fronte á debilidade do resto de comarcas rurais. Esta dinámica política demostra a debilidade do discurso segregacionista do leonesismo no Bierzo. Sen embargo, os seus dirixentes seguirán a declarar que o problema é a forzada división da provincia leonesa en dous territorios.

 

O Bierzo, xullo de 2024.  



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

lunes, junio 17, 2024

O BIERZO FERROVIARIO.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


O BIERZO FERROVIARIO,

Por Xabier Lago Mestre.

Chegan ao Bierzo novas promesas políticas de estudos técnicos sobre un novo trazado ferroviario ao chamado Lazo de Brañuelas. Non nos queda outra que confiar nesas propostas de futuro. Agora ben, mentres agardamos con muito acougo que veñan trens de alta velocidade e novas vías por Torre do Bierzo ou Foncebadón, podemos facer un chisco de historia ferroviaria.

            Sabemos polo Real dccreto de 3 de novembro de 1858 do primeiro intento de traer o ferrocarril ao Bierzo. Curioso foi o primeiro percorrido proxetado. A saber, desde a cidade de León para Quintanilla del Monte, Sueros, Balbuena, Brañuelas. Logo quedaba sen vías Astorga, para continuar por Montealegre, San Andrés de las Puentes, Matachana, Calamocos e Ponferrada. Por supusto, a burguesía maragata soubo reacionar para conseguir a súa parada de comboios en Astorga, alongando así o trazado ferroviario máis curto.



            Muito máis tempo tardou en chegar o ferrocarril ao Bierzo polos problemas de financiamento, difícil orografía montañosa e rexeito ás expropiaciois nos concellos. O trazado Brañuelas a Ponferrada funcionou en 1880, depois circularon trens entre Ponferrada e Toural dos Vaos (1883). Convén recordar os múltiples acidentes ferroviarios que houbo neste territorio montañoso (Torre, san Miguel de las Dueñas e Valdeorras) con numerosos mortos.

            As numerosas minas de carbón favoreceron o asentamento do capitalismo na rexión do Bierzo. O problema foi o transporte dese mineral para as industrias locais e foráneas. Velaí a intervención do ministerio de Fomento español no apoio político e financeiro estatal ao ferrocarril Ponferrada a Villablino (1918). Este ferrocarril foi medrando no século XX con novos ramais. Son os casos das centrais térmicas de Compostilla I e II, térmica MSP, barrio da Placa en Ponferrada (tres cargadeiros de carbón), Caboalles (en 1921 de 8 km.) e Villaseca (7 km.). Tamén intentouse sacar o carbón berciano por Asturias. Para iso houbo o proxeto ferroviario entre Pravia e Cangas de Narcea (1940) e Cangas e Villablino (1945), que necesitaba longos túneis (Degaña de 4 km. e Cerredo de 3 km). Por suposto o alto custo económico fixo inviable este trazado montañoso que levaría o carbón ao porto de san Estaban de Pravia (xornal La Correspondencia de España, 1920).



            Na rexión berciana non faltaron outros proxetos ferroviarios para sacar os minerais aos mercados estatal e internacional. Todos sabemos da reivindicación de Vilafranca do ferrocarril para Ribadeo polo val de Valcarce, Pedrafita, Becerreá, Ribeira de Piquín, A Pontenova, polos vales de Neira e Eo. Incluso xa en 1879 a Deputación de Lugo e o concello de Vilafranca demandaron o ferrocarril alternativo para a capital luguesa por Baralla. Muito depois unha comisión vilafranquina foi a Lugo para unha entrevista co poderoso xeral Berenguer para tratar este tema ferroviario (xornal El Siglo Futuro, 1930).

            A potente conca carbonífera de Fabeiro sempre tivo problemas para sacar o seu mineral para fóra. Velaí as súas dúas liñas de baldes para buscar o ferrocarril da Minero Siderúxica de Ponferrada. En Santa Cruz houbo apartadeiros das empresas de Diego Pérez e Antracitas de Fabeiro. Incluso trazouse a estrada de Santa Eulalia de Oscos para transportar o carbón faberense polo Sur. Neste senso, un proxeto fallido foi o ferrocarril entre Vilafranca a Ponferrada por Cacabelos para levar carbón de Fabeiro.



 


            Polo que se refire a Toreno, tivo un pequeño ferrocarril en Alinos, nas explotaciois de Antracitas de Gaiztarro (Caleyo e Escandal). Alinos contou con lavadeiro, cinta transportadora que cruzaba o río Sil e cargadeiro nos trens da MSP. Outra zona de pequenos trens mineiros foi Torre do Bierzo. Eiquí o carbón local era cargado nos trens que subían desde Ponferrada e Bembibre tirados polas máquinas 400. Logo se formaban outros comboios carboníferos con máquinas máis potentes para subir as ramplas de Brañuelas.

            Xa en Brañuelas, comentar que neste centro mineiro converxían varias liñas de baldes que traían carbón. Houbo un proxeto de ferrocarril que pretendía levar mineral para o norte, polo val do río Tremor até Murias de Paredes e Villablino. Para iso había que construir un longo túnel de 1.000 metros para pasar ao Val Gordo da comarca das Omañas. Muito traballo e maior custo económico remataron con esta utópica liña ferroviaria.

            Julio Lazúrtegui tivo grandes proxetos industriais para O Bierzo, caso da siderurxia en Ponferrrada. Pois ben, do seu optimismo económico xurdiron na súa mente novas liñas ferroviarias, casos do ferrocarril para Braganza en Portugal polas comarcas da Cabreira e Seabra. Tamén se referiu a un novo tren mineiro de Toreno para La Robla (revista Mercado, 1920), para conectar cos centros industriais de Asturias e Euskadi. Lazúrtegui pretendía un Bierzo ben comunicado por ferrocarrís para exportar os produtos mineiros, forestais e agrícolas fóra do Bierzo.

            Outro fito ferroviario da nosa rexión aconteceu na década de 1950. Trátase da eletrificación da liña de Brañuelas. As ramplas montañosas eran un perigo constante (acidente de Torre en 1944), as vellas máquinas de vapor non podían coas pechadas curvas, nin tiñan potencia suficiente nas subas. A eletrificación trouxo potencia nas novas máquinas inglesas e seguridade co moderno sistema de sinalización. Xa non había problema para sacar os minerais, carbón para as cidades castelás e  ferro dos coutos Wagner e Vivaldi para os embarcadoiros de Vigo e Inglaterra.

            A chegada do ferrocarril no Bierzo trouxo grandes cambios. Atrás quedaban os tempos dos miles de seitadores galegos que pasaban pola nosa rexión (de Ancares, Pedrafita, O Courel e Valdeorras) para os campos de Castela. Tamén desapareceron os arrieiros maragatos coas súas recuas de mulos que viaxaban para Galiza con variadas mercadorías. Tampouco compensaba levar os rabaños de meiriñas castelás e estremeñas para as brañas do Bierzo. As pequenas estaciois e apeadeiros atoparon novos viaxeiros de localidades rurais, Vilafranca do val do Valcarce, Toural dos Vaos do val do Selmo, Quereño da Cabreira, etc. O ferrocarril facilitou a emigración para os novos centros industriais e urbanos ben lonxanos.

            Oxalá o novo ferrocarril volte á rexión do Bierzo para traer desenvolvemento económico coma antano. Agora non temos a vantaxe da cercanía a Galicia, pola competencia ferroviaria da Seabra. O poderío tecnolóxico ten máis doado rematar co vello lazo ferroviario sen máis problemas. Só falta a decisión política para destinar os recursos económicos estatais a esta rexión illada e periférica que ben merece máis investimento público neste século XXI.

O Bierzo, xuño de 2024.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

miércoles, junio 12, 2024

O DISTRITO BERCIANO APARTE

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


O DISTRITO BERCIANO APARTE,

Por Xabier Lago Mestre.

A rexión natural do Bierzo xorde ben delimitada por mor das serras que arrodean a conca hidrolóxica do Sil. Por suposto, xa na Idade media a documentación variada deixa constancia da identificación do noso espazo coma “territorio bergidense”. Velaí por exemplo a presenza do chamado conde Gatón (século IX) que levou bercianos para repoboar “terras de foris”, a saber, leonesas e zamorás. A profesora Margarita Torres ten ben estudada a evolución do condado do Bierzo, no cal se integraban tenencias menores coma Boeza, Ulver (Cornatelo), Valcarce, Cabreira, Ancares, Aguiar, Ribeira, Ponferrada, Vilafranca, etc. Neste amplo territorio os seus dirixentes exercían funciois gobernativas, fiscais, xudiciais e militares.

            Na baixa Idade media, a unidade territorial do Bierzo foi esnaquizada coa delegación do poder real para os señoríos, tanto relixiosos (mosteiros e bispados) coma laicos (Lemos, Luna, Bembibre…). Posteriormente, foron os Reis católicos os que recuperaron o poder para a Coroa de Castela tras derrotar a revolta do conde de Lemos (1486). O poder real reorganiza O Bierzo segundo os seus intereses políticos. Por iso se crea o marquesado de Vilafranca e tamén a provincia do Bierzo baixo o mando dos corrixidores. Nos sucesivos censos fiscais da Idade moderna O Bierzo xorde delimitado coa dita provincia ou partido. Este abrangue incluso a xurisdición da Somoza maragata ou o norte de Valdeorras (o marquesado) e maila Cabreira. Esta provincia berciana serve coma espazo para o exercicio de funciois gobernativas, fiscais, militares, económicas, xudiciais, etc.



            Por suposto, esta provincia ou partido do Bierzo non era independente de León. Sabemos da súa integración no chamado reino de León, da representación da cidade de León en Cortes (tanto de Asturias coma do Bierzo), da presenza parcial da  xurisdición do Adelantamento xudicial nos señoríos, tamén do poder dos intendentes leoneses sobre os corrixidores de Ponferrada. Outro tanto dicimos do poder dos bispos de Astorga no Bierzo, aínda que houbo outros poderes relixiosos competidores (colexiata de Vilafranca, bispado de Lugo e arzobispo de Compostela).

            Chega a revolución liberal e derrota o Antigo réxime no século XIX. O novo poder político reforma as instituciois e territorios para que sirvan aos seus intereses. Suprímense os anteriores señoríos e créanse as provincias liberais. Velaí a provincia de Vilafranca, totalmente independente da León, que inclúe as comarcas de Valdeorras, Laciana e maila Cabreira baixa. Agora ben, a política centralista posterior do réxime burgués remata finalmente coas tres provincias máis pequeñas (Xátiva, Calatayud e O Bierzo). Posteriormente, os bercianos non deixaron de reivindicar a recuperación da provincia histórica suprimida. Outras reformas son a creación dos partidos xudiciais de Vilafranca e Ponferrada, para apaciguar e dividir a ámbalas vilas, ademais de desmobilizar calquera vindicación futura.



            O ministro Madoz recorda que en 1841 eliminan as subdelegaciois, caso de Ponferrada. O reforzado centralismo de 1853 suprime diversas administraciois e depositarias, aínda que manteñen a de Ponferrada de milagre. De novo en 1855, outro ataque! borran o partido administrativo de Ponferrada. A provincia leonesa, nas últimas décadas do século XIX, xorde dividida a efeitos fiscais con dous partidos, a capital leonesa e Ponferrada. Este partido asume a xestión das contribuciois (inmobles, cultivos e gandería), consumos, sal ou rentas estancadas. O Bierzo inclúe as oficinas subalternas de Vilafranca, Bembibre e A Ponte domingo Flórez (1877).

            O centralismo liberal non ten piedade cos territorios periféricos. En 1890 tratan de rematar coa audiencia de Ponferrada, finalmente se libra “por distar a más de 14 leguas da capital de provincia”. Sen embargo, dous anos depois suprimen a audiencia de Ponferrada. En 1894, a Deputación de León “solicitó la supresión del expresado Correccional (de Ponferrada)”. A nivel educativo, os intitutos quedan para as capitais de provincia, Ponferrada terá o seu en 1873, aínda que o Goberno central suprime dito centro que pasa a ser un colexio (1888). Se falamos da asistencia social, a Deputación de León suprime a Casa cuna de Ponferrada en 1887, “al entender que aquella comarca podría servirse del Hospital de Astorga”. Convén dicir que a terminoloxía máis aplicada ao Bierzo é a de rexión (xornais, literatura, política…



            O século XX foi declaradamente centralista, pola influenza das ditaduras, o que perxudicou ao Bierzo. En 1932 a Deputación leonesa suprime definitivamente a Casa cuna de Ponferrada. Na capital provincial xorden museo, arquivo, biblioteca, etc. A carcere do partido desaparece en 1968. Un ano depois o Consello de ministros crea a Mancomunidade de municipios da Comarca de Ponferrada. A Comarca do Bierzo xorde noutras muitas denominaciois de divisiois territoriais ministeriais (Agricultura, Gobernación, Comercio…). Nada de descentralización administrativa nin política.

            Haberá que agardar até a chegada da Democracia para retomar a reivindicación territorial. A presión social e política conseguen a subsede no Bierzo da Deputación de León. Esta institución, ante a despoboación rural da montaña, crea o distrito eleitoral provincial para O Bierzo que inclúe Laciana. E en 1991 as Cortes autonómicas aproban a Lei da Comarca do Bierzo, apesar da oposición leonesista ante os perigos de desmembración da provincia leonesa e da imposición da lingua galega. Abraidos! Os que piden a segregación da Comunidade de Castela e León, negan a autonomía territorial parcial para O Bierzo.



            Ao longo deste rápido percorrido histórico temos visto como O Bierzo ten sido recoñecido de diversas formas (condado, provincia, partido, rexión ou comarca). Por iso semella xusto e lexítimo reclamar que O Bierzo teña o debido recoñecemento da súa tradición institucional e territorial. Non se entende que nos mapas administrativos ou turísticos, da Junta de Castela e León ou Deputación leonesa, non se delimite claramente a presenza da Comarca do Bierzo, a única de existencia legal. Será porque nin Castela nin León apostan xa polas comarcas?. O Instituto leonés de cultura ten o seu “Museo de los pueblos leoneses”, e a cidade de León outro “Museo de las tierras leonesas”. Curioso, minorizan a cultura tradicional a nivel de localidades e indefinidadas terras para evitar identidades comarcais históricas que cuestionen o poderoso reino/provincia. Pola outra banda, para a Junta de Castela e León non hai comarcas, nin na Lei do réxime local (1998), nin na Lei de ordenación, servizos e goberno do territorio (2013), no futuro haberá unidades básicas do territorio, pois polo de agora esta Lei dorme no caixón dun conselleiro descoidado.

O Bierzo, xuño de 2024




http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es