viernes, marzo 28, 2025

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL GAL

OS INICIOS DO BERCIANISMO DEMOCRÁTICO

libro El Bierzo provincial


OS INICIOS DO BERCIANISMO DEMOCRÁTICO,

Por Xabier Lago Mestre.

                Cando voltou a democracia a España se reclamaba a autonomía para Castela e León. Por iso houbo que procurar referentes simbólicos capaces de unir a habitantes de tantas provincias. Velaí o tema da bandeira cuarteada histórica cos dous reinos. Outros fitos rexionais foron máis conflitivos. A capitalidade queríana Burgos, León e Valladolid. E houbo acordo relativo co Día festivo común (23 de abril). Neste último caso elixiron o día da derrota dos comuneiros que luitaron contra o poder real e señorial, e que desde León rexeitan como imposición política.

                Mentres en Castela e León andaban con esas liortas políticas, no Bierzo había otros debates territoriais. Así, no ano 1975 o xornal Aquiana recorda a Provincia de Vilafranca através de diversos artigos históricos de Balbino Alvarez de Toledo, que serven para recuperar a conciencia provincialista dos bercianos. Tamén o réxime franquista intentaba dar imaxe de preocupación pola problemática da nosa rexión, co II pleno do “Consejo económico, social y  sindical del Bierzo”. Salientamos esas conclusiois sobre Ordenación territorial. Así, menciónase  “una ciudad capital de la Comarca, Ponferrada. Tres cabeceras de comarca” (Vilafranca, Fabeiro e Bembibre), “doce núcleos de expansión y el resto calificados de núcleos dependientes”. E tamén se propón “una política económica social descentralizadora, que otorgue cierte autonomía y medios de financiación propios a las comarcas naturales, mediante actuación delegada de la Diputación provincial”, case que nada en 1975!”.



                Seguemos a padecer o centralismo histórico leonés. Resulta que se pide un colexio universitario para O Bierzo e a resposta cazurra é que non. O enfado local concrétase no encrito do xornalista Fidalgo Piensos, “la Universidad de León valdrá para los leoneses para los bercianos No” (1975). Pola súa banda, o político Telmo Barrios Troncoso debate sobre a posible autonomía para O Bierzo, “Ponferrada debe caminar hacia niveles de más autonomía, más exigencias, más descentralización”, e anima a percorrer “los caminos de la más plena regionalización y comarcalización posible” (1975). Está clara a proposta comarcalizadora da dereita berciana.

                O provincialismo tamén está xa presente. Desde Valdeorras con Emilio Costa Dávila se apoia a provincia berciana, o mesmo que fai o semanario Aquiana que defende a quinta provincia galega (1976), fundamentado no xeito de fuxir do centralismo administrativo de León e Ourense. Nesta dinámica bercianista, de debates territoriais e políticos, non falta o simbólico coa bandeira do Bierzo. Así o satírico escritor Balbino Álvarez de Toledo fai a súa achega co “pendón do Bierzo”, relatando a historia de varios pendois da zona de Vilafranca (1977).



                No debate territorial do Bierzo as propostas descentralizadoras son varias. “El Bierzo necesita una mancomunidad” coa participación de tódolos alcaldes, segundo Ignacio Fidalgo   (1976). Mentres que un procurador en Cortes propón un Consejo comarcal formado por municipios e instituciois económicas, sociais e políticas (Afrodigio Ferreiro, 1976). Recordemos que está recente a morte do ditador e o franquismo segue mui vixente. Sen embargo, xa hai quen fala de “hecho diferencial berciano” e “órganos de representación y gestión que a nivel comarcal se establezcan” (Ovidio Glez. Canedo, 1976). Pola súa banda, Telmo Barrios opina que o Consello comarcal “restaría competencia a la Diputación en la Comarca, que pasarían al Consejo” (1978). Aínda hoxe, no 2025, a Deputación leonesa resístese a descentralizar no Bierzo.

                Por suposto, os debates democráticos xa afectan abertamente ao noso territorio estremeiro nesta década dos 70. Fálase da “rexión do Sil” para incluir mellor a Valdeorras doutro xeito. O programa político de Unidade Galega (1979) refírese á “idiosincrasia de Valdeorras, piden un trato diferencial, dentro de Ourense, e con personalidade propia en Galicia”, supoñemos que é unha referencia tácita á comarca xurídica, ademáis se ten en conta “a distancia de Valdeorras a la capital, a Ponferrada”.



Non falta a demanda provincial berciana. En septiembre de 1978 preséntase o Manifesto berciano. Nel se fala de recuperar a provincia do Bierzo, con capacidade político administrativa, e teima en que “debemos decidir que opción autonómica deseamos integrarnos”. De novo a quinta provincia galega presente, ante a queixa pola “desaparición de la escuela de ATS de Ponferrada” e “que estamos siendo sometidos” segundo escribe José Voces Gómez (1979). Hogano xorde o programa do Partido do Bierzo que se refire a unha “consulta popular para que los bercianos decidan cual es el tipo de autonomía que conviene a la región”.

Fidalgo Piensos, desde Aquiana, escribe “Provincia de León (formada por dos Regiones bien definidas: El Bierzo y León) debe tener dos gobiernos o Diputaciones distintas y paralelas, una por cada Región” (1979). Su fundamento pode ser a antiga división histórica de León durante a Idade moderna, “partido ou provincia do Bierzo en reino de León”. Incluso, para reafirmar esta vía historicista, publícase na portada do dito semanario o mapa da Provincia do Bierzo (1786) de Tomás López (1980).



Se en León había varios partidos leonesistas, O Bierzo segue a súa propia dinámica autonomista. Velaí o Movemento rexionalista berciano, os Independentes do Bierzo, Asemblea regional do Bierzo e o partido aspirante á autonomía do Bierzo (1979). O provincialismo, galeguismo, rexionalismo e comarcalismo están presentes. Mais a demanda de segregación territorial de León racha os acordos co leonesismo. Para intentar casar ámbolos dous territorios enfrontados, o Bloque radical leonés presenta o seu federalismo con “dúas xeografías sociais”, a saber, O Bierzo e León, con senllas deputaciois que formarían xuntas o Parlamento del País leonés .

No ano 1980 unha Coordinadora Berciana reclama o rexeito á autonomía castellano-Leonesa. Pintadas nas rúas denuncian “Martín Villa, El Bierzo no es Castilla”. Nesta conxuntura o bercianismo camiña co leonesismo con muita desconfianza para berrar en León contra a unión con Castela. Esta alianza estratéxica resulta rachada en varias ocasiois. En 1981 o PB sae da plataforma leonesista por non qurer a bandeira leonesa na nosa rexión, onde xa ondeaba maioritariamente a branquiazul, e logo acude á manifa antiestatuto de autonomía de Castela e León (xaneiro de 1983).



En fin, tras estudar este proceso autonómico berciano ben podemos deducir que pouco teñen mudado as relaciois entre León e O Bierzo a nivel político e territorial hoxe. Segue a haber dúas rexiois afastadas que non se miran ben e que teñen problemas de integración territorial e social. Na nosa conciencia coletiva está presente ese dito, “bercianos seremos e de León pasaremos”.

O Bierzo, marzo de 2025


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

miércoles, marzo 26, 2025

RECORDO DA OUTRA PROVINCIA BERCIANA.

Libro El Bierzo Provincial


RECORDO DA OUTRA PROVINCIA BERCIANA,

Por Xabier Lago Mestre.

Todos sabemos da provincia de Vilafranca do Bierzo da segunda década do século XIX. Agora ben non acontece o mesmo coa anterior provincia do Bierzo que existíu durante toda a Idade moderna. Os Reis católicos concederon esta provincia, aló polo ano 1486, para denominar e delimitar, institucional e territorialmente, O Bierzo. Hoxe non queremos pescudar nesta caracterización senón facer unha análise máis social. Referímonos ao intento de estudar a conciencia coletiva dos bercianos verbo desta chamada provincia. Para isto amosaremos diversa documentación histórica de xeito diacrónico.

                Xa a fins do século XV xorden escritos nos que hai sucesivas referencias a esta provincia berciana. Por suposto, os primeiros documentos fan referencia aos oficiais reais da desta provincia, ”alcalde mayor de la provincia del Bierzo”, e mailo correxidor, “corregidor de Ponferrada en la provincia del Bierzo” (1486). Cando se trata de protexer o Camiño de Santiago tamén atopamos novas referencias aos territorios veciños, “nuestro reino de Galizia, e de la provincia del Bierzo, que pongan gente en el Camino de Santiago para protegerlo” (1499). Ante a falta da xustiza nos señoríos do bispado de Astorga, a Coroa ordena que os correxidores de Ponferrada executasen a xustiza real “allende del puerto del Rabanal” (1497), na nova provincia do Bierzo.



No século XVI prodúcese a delimitación do amplo Adiantamento leonés (tribunal de xustiza, 1598), e non falta a referencia expresa á nosa provincia, “e de allí baja por los fines de la provincia del Bierzo que queda en el distrito deste adelantamiento”, aínda que o correximento de Ponferrada tiña audiencia exenta. Ademais esta capital reclama a descentralización deste tribunal no Bierzo, “que más conveniente que se cometan los negocios de aquella provincia (El Bierzo) a el corregidor de Ponferrada y se la quiten a el Adelantamiento de León” (1567).

Polo século XVII Ponferrada elabora un Memorial (1622) en defesa da xestión das súas alcabalas (imposto comercial) e quéixase do muito “que padece aquella aflixida gente, y de lo mucho que ymporta a la Corona Real aquella villa y Provincia”. Tamén Ponferrada leva as súas demandas ante as Cortes de Castela, reclamando un trato igualitario “porque se hiço esta gracia al Reino de Galicia y demás lugares referidos de la provincia de León son los mismos que se vale la provincia de Ponferrada” (1657). Por suposto non faltan as protestas bercianas ante os continuos recrutamentos de soldados para as diversas guerras europeas, “hordeno y mando a la justicia y regimiento de la villa de Ponferrada y a las demás de la provincia del Bierço no consientan que se saque della (…) soldados ninguno” (1641).



Na documentación eclesial non faltan as referencias á provincia berciana. A abadía de san Pedro de Montes facía as súas xuntas abadiais, “estando en la casa y monasterio de San Pedro de Montes, de la orden del señor San Benito, en la provincia del Bierzo, reino de León, a 8 días del mes de junio de 1618”. No tumbo de san Miguel de las Dueñas, xorden notas sobre que “pertenece su territorio al Reyno de León, este en la provincia del Bierzo“ (1679). Logo está mui presente documentalmente a nosa provincia.   

No século XVIII medran as referencias de todo tipo á provincia berciana. Caso dos numerosos preitos entre as localidades polos montes lindeiros, Trascastro contra Peranzais, “jurisdicción de la abadía de San Andrés de Espinareda, provincia del Vierzo” (1751). Outro tanto acontece nos preitos señoriais, “vecinos de Cabañas del Portiel de don Fernando (fronte ao seu señor)… en Cacabelos, provincia del Bierzo” (1775). Cando a veciñanza da Somoza de Sant Cosme se queixa da pobreza xeral non falta a referencia a que “los dichos domiciliarios se sostienen bajando a la provincia del Bierzo a la limosna de puerta en puerta en que se ejercitan mucha parte del año” (1790).



O xeógrafo de sona, Tomás López, recompila información local para facer o seu mapa da Provincia do Bierzo (1786), e escribe a autoridades bercianas para ter máis información  cartográfica. O correxidor de Ponferrada respóstalle dende Ponferrada, “esta cabeza de la Provincia de el Vierzo” (1770). Outro tanto sucede coa información subministrada polo arcipreste de Bembibre, “es como una hermosa Antesala de la Provincia de el Vierzo” (1797). A provincia berciana coma fito xeográfico e político noso.

No chamado século da Ilustración, no Bierzo o poder relixioso prestixia muito. Ponferrada fai o imposible por acadar a categoría de colexiata para a súa igrexa maior, baseándose na milagreira Virxe da Encina e na centralidade da “capital de la provincia del Bierzo” (Memorial de 1775). Consolídase o título de patrona da provincia do Bierzo, velaí o libro de “limosnas de Nuestra Señora de la Encina y patronato de esta villa de Ponferrada y su provincia del Vierzo“ (1710-1819). Ademais, o imposto do Voto de Santiago tamén o deben pagar os labregos aos recadadores, “administrador general del Partido de Votto de el Señor Santiago en esta Provincia de el Vierzo (1730). E se falamos de impostos non faltan nos censos fiscais as referencias provinciais, “Cacabelos que está comprendida en la Provincia de el Vierzo” (1753), ou “Dragonte de la merindad de Corullón, provincia de el Vierzo” (1752).  


  

Xa no século XIX ten lugar a Guerra da Independencia contra os exércitos napoleónicos invasores. Período no que hai un reforzamento do patriotismo español e berciano. Neste contexto os bercianos organizan a resistencia de diversas formas. Así se crea a compañía dos Tiradores francos do Bierzo, “habiendo llegado a su Patria, que es la provincia del Vierzo” (1809). Tamén se forman xuntas locais, “Junta de Gobierno, armamento y defensa de la villa de Ponferrada y su provincia del Bierzo” (1809), e mailo correxidor real convoca aos representantes  bercianos para celebrar unha asemblea que rexeita tanta imposición militar, “a los Diputados de las Jurisdicciones de la Provincia, sin notificación a la Suprema (Junta)” (1809). A provincia segue ben presente na mentalidade coletiva dos bercianos.

Os desastres desta guerra de liberazón foron mui grandes. O Cabildo da Colexiata de Vilafranca quéixase ante o xeneral Esteban Portier dos seus muitos sacrificios feitos, perda de xoias, roupa, arquivo, rendas agrarias, etc “quemaron y aniquilaron muchos pueblos, en esta Provincia del Bierzo” (1808). Outro tanto acontece coa localidade de San Pedro Castañero que elabora un memorial (1813) de males causados polas tropas francesas até a súa retirada definitiva, indicando expresamente que se haxa na “provincia del Vierzo”. Posteriormente, son os curas da meirindade de Aguiar quen rexeitan as novas divisiois territoriais do seu territorio, por iso reclaman “arreglándose los partidos en la Provincia del Bierzo, sigan esto indicado en las sabias deliberaciones de Vuestra Alteza” (1817). Está clarexo que a provincia do Bierzo era unha referencia mui válida para os bercianos decimonónicos.

O Bierzo, marzo de 2025.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

miércoles, marzo 12, 2025

O CONSELLO XERAL BERCIANO PROGRESA

libro El Bierzo provincial


O CONSELLO BERCIANO PROGRESA,

Por Xabier Lago Mestre.

En marzo acontece un novo aniversario da aprobación do Estatuto do Bierzo mediante Lei de Cortes de Castela e León aló polo 1991. Para o 2026 serán xa 35 anos de maioria de idade institucional. Atrás quedan xa aqueles ataques ao Consello comarcal de tódalas partes. Os de esquerdas querían un previo plan comarcalizador para Castela e León. Os bercianistas dicían que era pouco recoñecemento institucional cando tiña sido provincia en dúas ocasiois (1486 e 1821). E os leonesistas non deixaban de criticar os intentos da Junta autonómica de dividir territorial e políticamente a súa provincia de León, xa saben iso de “divide e vencerás”.

                Convén recordar aqueles comezos cando non había nin sede para as xuntanzas cormarcais, aínda hoxe seguimos hipotecados cos alugueres do edificio mineiro. Por certo, houbo a petición de cesión do edificio da Deputación en Ponferrada, por suposto dixeron que non (1999). Xa van máis de 30 anos sen sede fixa apesares de tantas promesas oficiais foráneas de cofinanciamento. Por iso hai que agradecer sempre o traballo daqueles primeiros presidentes do Consello comarcal que traballaron pola nosa autonomía sen medios iniciais (Manuel Alonso e Rita Prada).



                Como era ben de agardar, houbo muito que negociar dende unha posición política de grande debilidade. Habia un Lei da Comarca con competencias expresas mais estas estaban nas mans da Junta autonómica e da Deputación leonesa. Como resulta lóxico, quen ten poder institucional non pretende soltalo. Aínda recordamos as resistencias dos presidentes da Deputación de León a ceder competencias ao Bierzo. O Agustín Turiel declaraba que se inhibía na posta en macha da Comarca (agosto de 1991), e o seu sucesor, José Antonio Diez dixo non querer transferir e abogaba incluso pola supresión del Consello comarcal (agosto de 1999).

                Por suposto a Deputación de León foi cedendo algo, concretamente o Servizo de asesoramento a entes locais (SAM) e o plan de pequenas obras rurais, e axuda a financiar o Banco de terras. Sen embargo a Deputación mantén as súas oficinas en Ponferrada que deberían ser xestionadas polo Consello comarcal. Outro tanto podemos dicir da Junta de CeL que fomenta diversas mancomunidades na rexión berciana cuxas competencias deberían ser asumidas polo Consello comarcal dende hai anos se houbera vontade política axeitada. Teimamos en que, tanto a Deputación coma a dita Junta, non van dar facilidades para a necesaria descentralización no Bierzo.



A Comarca do Bierzo executa outras competencias nas áreas de medio ambiente (desbroces de montes e limpeza de caminos), benestar social (proteción de menores, intervención familiar e drogodependentes), promoción económica (programa Leader, feiras, emprego, etc), atención ao cidadao (ventá única e rexistro), promoción turística, cultura, lingua galega, deporte, etc. Somos muitos os bercianos beneficiados coa prestación destes servizos públicos.

                 O Consello comarcal é unha institución tamén política que ten apoiado numerosas vindicaciois do Bierzo, recordamos as manifas mineiras, ferroviarias, sanitarias, económicas, etc. Ter unha institución propia que defenda as nosas demandas é importante. As veces non é doada a relación direta cos outros poderes foráneos, casos da Deputación e da Junta de Castela e León. Sempre terá máis representación e prestixio o presidente do Consello comarcal que calquera dos nosos alcaldes á hora de negociar a solución dos problemas locais.



                Muito tense debatido sobre a viabilidade do Consello comarcal. Sociolóxicamente ninguén nega que na cidadanía existe un sentimento coletivo mui bercianista. Velaí as súas diversas expresiois coma a identidade territorial, a defesa da bandeira Cruceira mentres a leonesa está ausente, a existencia de instituciois propias (Consello comarcal e xuntas veciñais), o Diazo (8 de setembro), mantemento da lingua galega, a conciencia provincialista histórica, etc. Dende León non se entende este complexo bercianismo xa que non existe nada semellante no resto de comarcas da súa rexión chairega. E de nada teñen servido os ataques foráneos para devaluar o susodito bercianismo político, institucional ou cultural, porque O Bierzo é unha marca simbólica de proxeción nacional.

O Consello comarcal segue xestionando políticas públicas, ademáis de fornecer o bercianismo territorial, institucional e simbólico. Cunha modesta política de negociación vai conseguindo, de xeito continuado, a sinatura de acordos marcos entre Junta de CeL e Consello comarcal que serven para financiar a asunción das súas competencias. Incluso está a piques de fixarse un novo acordo para as vindeiras datas deste 2025. Por suposto que este sistema de coperación non é o mellor para o funcionamento da Comarca porque hai exceso de dependencia financeira allea. Agora ben, sabemos que a institución máis poderosa (Junta CeL) é quen establece as regras deste xogo político no que estamos participando dende 1991.



Entendemos que o Consello comarcal nestes 34 anos de dinámica política está a progresar institucionalmente. De seguro que mellor sería ter xa a desexada provincia mais  tomamos experiencia política fronte a instituciois máis fortes (Junta e Deputación). Que ninguén dá autonomía ao Bierzo por nada, hai que sabela conquistar con presión e negociación. Mentres nos conceden a provincia ou a rexión, seguimos aprofundar no que ofrece o Estatuto do Bierzo coma fórmula política do autonomismo.

O Bierzo, marzo de 2025.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es