jueves, noviembre 27, 2025

OS MARQUESES DE VILAFRANCA NAVEGANTES.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


OS MARQUESES NAVEGANTES,

Por Xabier Lago Mestre.

Sabemos da existencia dun documental titulado Bahía 1625. Historia sobre lienzo. Este traballo cinematográfico refírese á batalla pola recuperación de San Salvador de Bahía, a capital do Brasil daquela. Nesa época os holandeses ocuparon militarmente esa cidade, como cabeza de ponte da súa expansión colonial. De inmediato, a Coroa de España organizou o exército naval con Portugal para a recuperación dese territorio perdido.

Convén recordar neste caso a política internacional belicosa. España guerreaba sen parar. Velaí a Guerra europea dos 30 anos (1618-1648) entre católicos e protestantes. Ademais a Guerra dos 80 anos (1568-1648) ou de Flandes. Neste contexto, os holandeses toman San Salvador de Bahía para favorecer o seu comercio con Hispanoamérica. A reación española non se fixo esperar, os reinos peninsulares estaban unidos pola chamada Unión de Armas que organizou o conde duque de Olivares, Gaspar de Guzmán. Cómpre ter en conta que Portugal e España formaban un mesmo imperio baixo o rei Felipe IV. A expedición militar lusoespañola cruza o Atlántico até chegar a San Salvador de Bahía, e tralo asedio dun mes, tivo lugar a vitoria  aliada.

SÁTIRA ITALIANA DO MAQUES


Chega o momento de desvelar a presenza do Bierzo neste acontecemento belicoso. Entre os comandantes da flota naval peninsular estaban Fadrique de Toledo e o portugués Manuel de Menezes. Este mando internacional dual dirixía 38 naves con 8.000 soldados, deles 21 grandes galeois. O Fadrique de Toledo Osorio estaba emparentado cos marqueses de Vilafranca do Bierzo. El era capitán xeneral de Mar e Terra, ademáis da capitán da armada do océano e da xente de guerra do Reino de Portugal. Nacera en Nápoles en 1580 porque o seu pai foi Pedro Álvarez de Toledo y Colonna, V marqués de Vilafranca e gobernador do Milanesado. Xa sabemos dos importantes cargos que tiveron os marqueses de Vilafranca na política internacional (virrei de Nápoles, virrei de Sicilia, príncipe de Montalbán…). Estes altos oficios na Corte de Castela supuxeron grandes ingresos económicos e sucesivos títulos reais (Ducado de Fernandina en 1559, Grandeza de España en 1623…). Noso Fadique de Toledo tamén conseguíu a merced de ser o 1º marqués de Villanueva de Valdueza (1634) e varios cargos militares na Armada española.

Resulta impresionante coñecer as batallas militares do Fadrique de Toledo. Estivo a luitar en Gibraltar (1621) contra os holandeses, tamén no Canle da Mancha (1623), logo pasou a guerrear no dito Brasil (1624). No Caribe enfrentouse cos ingleses pola recuperación da illa de San Cristobal (1629). Sen embargo, rexeitou ir a Pernambuco contra os holandeses. Por esta oposición caeu en desgraza co poderoso conde duque de Olivares, sufríu un proceso de desobediencia e foi condeado (1633). Finalmente, é reabilitado polo rei Felipe IV que lle concedeu o título de marqués de Villanueva de Valdueza, mais morrera pouco despois (1634).

TOMA ILLA DE SAN CRISTOBAL



OS DOUS CADROS DE DON FADRIQUE DE TOLEDO.

Todos sabemos da importancia do Museo do Prado de Madrid por mor das súas variadas coleciois pitóricas. Muitos deses cadros formaron parte da colección real. Este foi o caso dous cadros da Sala dos reinos do Palacio do Bon Retiro. Eiquí estaban recollidos cadros que representaban batallas por terra e navais referidos ao imperio español. Pinacoteca real recompilada para valorizar a institución monárquica absolutista. Neste apartado queremos facer referencia a dous cadros con protagonismo do noso militar Fadrique de Toledo. A primeira obra representa a Toma de Bahía, polo pintor frei Juan Bautista Maino. O noso Fadrique xorde debuxado cos dous personaxes máis importantes, a saber, o Rei e mailo conde duque de Olivares. Todo isto na parte superior dereita do cadro. Por suposto, hai muita teatralidade nesta representación dos poderes civís que xorden coa súa simboloxía propia do poder (conde de Olivares coa espada da xustiza, Rei vitorioso e defesor do cristianismo fronte aos herexes calvinistas, Fadrique con bastón de mando e banda colorada de xeneral, etc). Na parte inferior xorden os inimigos e derrotados holandés (baixo as botas do Rei e de Olivares) e pedindo clemencia ante o vitorioso Fadrique de Toledo. Pola outra banda, á esquerda do cadro, temos un intento de naturalidade forzada, co arcabuceiro ferido, a muller enfermeira, os menores chorosos e certos vasalos. O aspecto paisaxístico recrea a baía co poderío naval español. Non  falta a presenza do provindencialismo, na parte superior dereita, sempre sobre o poder terreal (Coroa e Goberno). Por mor da dita doutrina provincialista todo sucede porque así o determina a Divinidade suprema, que protexe neste caso a vitoria naval cristiá sobre os protestantes holandeses.

O noso Fadrique de Toledo tamén é protagonista noutro cadro presente no Museo do Prado. Trátase da recuperación da illa de San Cristobal, nas Antillas menores, no Caribe, fronte aos ingleses. Esta obra é do pintor Félix Castelo e representa unha escena ben bélica. O cadro retrata na parte dereita ao Fadrique cos membros da súa xefatura militar. Curiosamente, Fadrique mira de fronte aos espectadores, en sinal do seu protagonismo e atrevemento en un primeiro plano. Debaixo del está o seu exército que desfila. No centro do cadro, unha escena bélica, un forte inimigo bombardeado pola flota española en formación de combate, mentres por terra avanzan os soldados para o asalto final do baluarte. O curioso do caso, é que, trala marcha dos españois, pouco durou a alegría bélica pois a illa volveu a maos dos ingleses.

CADRO TOMA DE BAHIA-BRASIL


Así pois, toda una iconografía ao servizo do poder (Coroa, Goberno central e militares). Estes poderes toman todo o protagonismo nas súas celebraciois e representaciois públicas. Trátase dun clarexo intento pitórico de propaganda bélica e ideolóxica para afincar as estruturas do poder imperial e colonial español sobre a competencia internacional, sexan holandesa, inglesa ou francesa. A alta nobreza española, deixou de pelexar entre sí no campo de batalla, casos dos condes de Lemos na Galicia e O Bierzo, para facer política na Corte, e así conseguir novos cargos internacionais que viñan acompañados dos bos ingresos económicos propios dos seus desempeños gobernativos e militares nas colonias.

O Bierzo, decembro de 2025


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

lunes, noviembre 17, 2025

o leonesismo muda?


LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL

O LEONESISMO MUDA?

Por Xabier Lago Mestre.

O medios de comunicación da provincia informan dunha nova fomación leonesista, neste caso un tal SOS León, pola Autonomía. A verdade é que isto xa non abraia a ninguén a estas alturas. Os partidos prepáranse para as eleciois autonómicas que haberá no primeiro trimestre do 2026. Todos ben sabemos que cando hai eleciois xorden novos partidos coma cogumelos outonais. E na provincia renacen as formaciois leonesistas ante a chamada das Cortes de Castela e León por ocupar unha cadeira política.

                O leonesismo é experto na creación de partidos desta temática. Son tantas as formaciois sucesivas que xa a memoria ten ocos baleiros. Os vedraños ben recordamos o BAPL, o GAL, o PRPL, o PREPAL na década dos 80 do século pasado. Logo, na década seguinte, viñeron os da UPL, e a súa división interna do PAL-UL, tamén andaban por alí os Ciudadanos del Reino de León. Xa no século XXI xorden os de Agora e Alantre, coa Plataforma por León e León Ruge. Houbo tamén unha nova división na UPL, pois o seu Conceyu Xoven foi expulsado (2010), e os seus seguidores formaron Conceyu País Leonés. Agora estes anuncian que se unen a Unidad leonesa para formar o dito, SOS León. Tampouco olvidamos aos de UPS (Unión del pueblo salmantino) que se integraron na UPL. En fin, vaia lería de siglas políticas propias do leonesismo.



                Coido que coincidemos todos en que esta lea de partidos leonesistas demostra a pouca unidade política que hai nesa ideoloxía rexionalista. Incluso podemos debater se se trata dunha estratexia de acadar votos para un partido chamado UPL, aproveitando o descontento social dunha provincia periférica e o enfrontamento con Castela, ou se realmente hai unha ideoloxía leonesista.

                Sorprende que o leonesismo se fundamente para reclamar a súa autonomía territorial nun vello reino medieval. Iso si, un reino leonés que pasa de recoñecer os otros reinos veciños, de Asturias e Galicia. Xa sabemos, fan grande o seu reino de León coa minorización dos outros lindeiros. De seguro que na Galicia e Asturias non cavilan do mesmo xeito exclusivista e reducionista. Incluso os galegos poderían reclamar máis autonomía por mor do seu reino Suevo ou da Gallaecia romana. Fruito desta estratexia historiográfica leonesista os andeis da librerías están cheas de libros medievalistas. O pior de todo é que esta demanda social leitora determina os intereses da historiografía leonesa, caso da Universidade de León, desbotando outros temas que se relacionan coa historia comarcal.



                Un exemplo desta revirada historiografía leonesista foi o caso do Bicentenario da provincia de Vilafranca do Bierzo. Cando dende León se fomentaba o medievalismo do seu reino, qué pintaba investigar sobre o provincialismo berciano?. Os recursos económicos das instituciois de León, sexan da universidade ou da deputación, son para fomentar os seus intereses provinciais. Non pode haber concesiois de ningún tipo para os outros territorios comarcais. Non vaia ser que o debate histórico sobre o provincialismo berciano sirva para cuestionar o rexionalismo leonés unificador. Que do recoñecemento provincial berciano pode derivar a toma de conciencia social e a posterior reivindicación política do que nos corresponde por historia e pola descentralización que demandamos no século XXI.

                Un recente estudo, coñecido co rechamante título de “¿La venganza de los lugares que no importan?” (2025), de Ángel Martín Gómez, salienta que o leonesismo non ten seguimento na rexión do Bierzo. Alega o autor que a lexanía a capital de León dilue o voto da UPL. Ademais que “debido a la persistencia de una identidad berciana propia opuesta a la leonesa” resta poder ao leonesismo político. Nada novo baixo o sol!. Incluso un mapa do dito artigo teima en que na zona ocidental da provincia, a saber, Laciana, O Bierzo e A Cabreira a forza leonesista está devaluada polos votantes. Podemos dicir que o bercianismo social e político é un contrapoder para os leonesismo dende o comezo do período democrático. Ademais o leonesismo non ve con bos ollos o que podemos chamar a problemática berciana. Do máis aló do Manzanal, nin queren recoñecer a necesidade da autonomía política berciana através do Consello Comarcal ou o provincialismo, nin admiten a singularidade do Bierzo cultural e lingüístico do galego.



                Para o leonesismo que haxa concellos bercianos que haxan aprobado mociois a prol da autonomía do Bierzo é éxito sen igual. De onde non se tira case que nada, hai que conformarse con pouco. Pois mira que o leonesismo fixo sucesivos intentos por atopar seus votos na rexión do Bierzo, mais sen resultados positivos. Quen pode crer ao leonesismo político cando no pasado atacou o recoñecemento estatutario do idioma galego e denigrou a creación do Consello Comarcal do Bierzo como intento de dividir a súa provincia. Agora ben, o leonesismo non é de fiar porque non ten clarexo o que pretende para o seu. Uns falan dese país leonés (triprovincial), outros do Lexit uniprovincial, e os do alcalde de León queren a unión Asturias e León. Isto non é un proxeto de política autonomista, é mofarse dos cidadaos, tanto leoneses coma bercianos.

                Por todo o visto, ese multipartidismo leonesista, a revirada historiografía medievalista, a indefinición territorial e a falta dun proxeto autonomista para a rexión do Bierzo supón que as dúas zonas veciñas sigan polas dinámicas tradicionais de desencontro. León non pode aceitar a singularidade territorial, histórica e cultural que dende O Bierzo reclamamos para executar as políticas propias co noso autogoberno. Non importa canto tardemos en acadar nosos obxetivos políticos, porque o certo é que temos avanzado, apesares da resistencia chairega. Este é o caso da institucionalización do Consello Comarcal e a súa praxe política dende 1991. Ademais do recoñecemento estatutario do idioma galego (1997) e o seu emprego no ensino regrado, o que non ten conseguido o leonés. Pasemos dos que sempre nos din que hai que agardar ao que nos manden dende fóra. Iso fixemos cos que condicionaban a creación da nosa Comarca a ter antes unha Lei de comarcalización de Castela e León. Hoxe o leonesismo promete a nosa provincia para depois cando eles teñan a súa autonomía rexional. O Bierzo ten de seguir o seu vieiro de futuro.

O Bierzo, novembro de 2025.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

lunes, noviembre 03, 2025

VIAXE DE TÓDOLOS SANTOS PARA CHAVES

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL


TÓDOLOS SANTOS POR CHAVES,

Por Xabier Lago Mestre.

A mañá está chuviosa en Ponferrada. Na parada hai varios viaxeiros que agardamos o bus para Chaves. A espera permite as presentaciois e os comentarios sobre o temporal de augas. Xa no bus recollemos a otros turistas en Camponaraia, Vilamartín e mailo Barco de Valdeorras. Pouco depois a suba para O Bolo, onde vemos as consecuencias dos lunes do verán. Tras muitas curvas chegamos á Gudiña. Todos abaixo para tomar o almorzo e estirar as pernas.

                De novo no bus, pola autoestrada A-52 até Verín, onde viramos para o sul, pola A-75 cara á desexada Chaves. Por fin, paramos na beira do forte de Neutel. Xa temos diante de nós a feira dos Santos. Estamos enriba da cidade lusa. Segue a chover. Ringleiras de postos de roupa ofrecen multitude de prendas a baixos prezos e de marcas ben falsificadas. Pola dereita, ropa interior, pola esquerda paraugas e chuvasqueiros. Os vendedores chaman a nosa atención de contino con berros cheos de boas ofertas. Entramos na avenida do Estadio, e novas ofertas de obxetos de coiro, máis adiante todo tipo de doces para rematar coa fame. Na praza rotonda atopamos a escultura dos Aliados, polos mortos na Primeira Guerra Mundial, sempre presente nas cidades lusas.



                Mais Chaves ten outros atrativos, o seu patrimonio monumental. Primeira paragem o forte de san Francisco. Fotos para o seu libertador a cabalo, o xeneral Silveira, e os canóns ameazantes da entrada. Varias rúas fan referencia ao pasado militar, terreiro cavalería ou Dragoes.  Agora a fortificación é un hotel. Entramos na zona vella, na procura do castelo. Eiquí só resta a torre da homenagem onde hai un museo militar. Vaia bo miradoiro da cidade e da ribeira do río Tamega. Neste altozano varios canons gardan o vello castelo. A poucos pasos os chamados Paços do concelho (Cámara municipal), tamén o museo da regiao Flaviense e a igreja matriz de santa María Maior. Non pasar por alto a coluna do Pelourinho, símbolo dos dereitos consuetudinarios locais, normalmente concedidos polos reis lusos. A baixada é para o río Tamega, onde non pode faltar a andaina pola ponte de Trajano. Recordemos que tivo un importante pasado romano, velaí as numerosas termas que conserva. Doutra ribeira existe o jardín público do século dezanove cun clarexo carácter aburguesado e coa tribuna dos músicos.

                Chega a hora do xantar. Tódolos viaxeiros agardamos baixo a chuvia o regreso do bus. Na portaequipaxes deixamos as numerosas compras na feira dos Santos. Nas aforas da cidade o noso restaurante agarda cos bos alimentos. Pimeiro uns entrantes de frituras, regados cos bos viños da regiao, depois un quente puré de verduriñas. E chega o bacallau asado con patacas. Non quedas con fame pois co bacallau sempre se repite. De postre, macedonia de froitas e un cafetiño brasileiro ben negro.



                Eiquí non hai tempo da sesta, de novo ao bus. Como chove outra vez con forza, os bercianos son levados para un amplo almacen ben abastecido, xa que non apetece a muitos mollarse máis. Outros voltamos á cidade de Chaves que sempre restan cousas de ver. Tras cruzar a ponte Trajano, agatuñamos pola rúa santo Antonio, toda zona comercial. No largo do xeneral Silveira tedes as letras publicitarias para facer a foto do recordo de Chaves. Logo para o pequeno museo ferroviario. Chaves estivo unida polo ferrocarril métrico de 97 kilómetros coa estación de Peso da Régua no val do río Douro. Estación que comunicaba coa cidade do Porto polo oeste e Barca de Alba polo leste con Salamanca. Outra cousa que abraia é ver a importancia que dan ás juntas de freguesías, nosoutros localizamos as sedes de santa María Maior (no centro) e Madalena nas aforas. Xa sabemos que esas feligresías son coma as nosas pedanías bercianas coas xuntas veciñais.

                Baixamos para os almacens ou lojas onde nos esperan os compañeiros do Bierzo. Todos máis cheos de bolsas de roupas, menaxes, viños e bacallau. No aparcadoiro vemos que hai outro autobús do Bierzo, logo non somos os únicos viaxeiros do norte. Sempre en novembro son muitos os que viaxamos para Chaves, por mor da feira dos Santos ou polos seus mercados semanas. Ademais din que o mellor bacallau se come en novembro sempre. Está mui ben viaxar a Portugal para darmos de conta da importancia de ter un idioma común que nos axuda na comunicación co noso galego. Quizais a fonética sexa diferente mais a escrita é máis doada se sabemos galego sen dúbida. Xa no bus, a escuridade da noite arroupa aos dormintes, mentres outros desfrutan dunha película do cómico Paco Martínez Soria. No vindeiro ano voltamos se a saúde acompaña.

O Bierzo, novembro de 2025.  

 



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es