martes, diciembre 30, 2025

COA NOSA TOPONIMIA BERCIANA.

libreriacajondesastre.com


COA NOSA TOPONIMIA BERCIANA,

Por Xabier Lago Mestre.

Un dos temas máis complexos de estudar da historia do Bierzo é o da toponimia. No caso da nosa rexión temos varias linguas dende a Idade Media. Os falantes destes idiomas crearon a súa toponimia de diversos xeitos. Así os poderes institucionais de cada tempo fixaron as denominaciois oficiais dos seus territorios e localidades dependentes. Noso termo Bierzo tivo antecedentes en Bergidum, Bergida, Berizo ou Berzio, e nas linguas territoriais hoxe xorden O Bierzo e El Bierzu como dín en León.

Recordamos a concesión de cartas forais de repoboamento aos seus vasalos por parte de reis e señores laicos e eclesiásticos. A localidade de Burbia, entre os ríos Burbia e Valcarce, pasou a chamarse Vilafranca en tempos da concesión da carta foral de 1192 polo rei Afonso IX. As crónicas falan da repoboación real de Benevivere e Pontem Ferratum no século XII. Outro troco toponímico foi o caso de Poimalo (1154), en Torre do Bierzo, que pasou a ser Podiobona (1165) pola intervención dos novos frades de santa María. Cando o mosteiro de san Pedro de Montes dominaba na Valdoza e maila Cabreira repoboara San Clemente en 1205 e Noceda da Cabreira en 1149. Por suposto, os señores medievais oficializaban por dereito escrito os nomes das consideradas as súas localidades. Velaí que a medieval Valdoza se convertera en Valdueza na Idade Moderna.



 Certos filólogos pescudan pola fixación de lindeiros lingüísticos na rexión do Bierzo. Incluso desputan polos límites entre o  galego e o leonés entre os ríos Sil e Cúa, ou din que Ponferrada resta fóra da zona galegofalante. Mais é certo que a documentación medieval teima nos topónimos galaicos na vila do Sil, casos de monte do Fabeiro, Quintanela, Compostela, Devesas, Vao, Fontes novas, Sile, Toural, Meraio, Orbanallo, Oza, Cortigueira, Villacideira, Rañadoiro… E escribiron antigamente Pontem Ferratum, Ponsferratus (1131) e Ponteferrata (1178). Agora ben, Ponferrada recorda Ponte+ferrada, en concordancia feminina do galego. En Galicia atopamos semellanzas filolóxicas con Pontevedra e Ponteareas. Por certo, non evolucionou a Puente Fierro en asturleonés. Outro tanto pasou cos topónimos galegos máis lonxanos (Foncebadón e Cruz de Ferro) que non consolidaron as formas leonesas.

Sintomático é o caso da vila de Bembibre. Este topónimo xorde nalgunha documentación medieval coma Benevivere e Bienvivre. Este último semella a intención fracasada do escribán de leonesizar ese termo cun ditongo aberto. Agora ben, hoxe mantén seu Bembibre. Por certo, topónimo mui común en Galicia, en val de Dubra, Viana do Bolo, Taboada, ademais de Bembrive en Vigo e Membibre en Abadín de Lugo. Tamén no século XVIII atopamos escritos co erro Membibre do Bierzo. Algo significará que o termo Bembibre estea tan presente en Galicia e non en terras da chaira castelaoleonesa.



Noutras zonas sabemos de certos irmanamentos toponímicos. Coñecemos O Barco de Valdeorras que nada ten que ver coa existencia dun barco senón cun val grande que alí e abre. Augas enriba, no Bierzo, temos Bárcena do Río e Bárcena da Abadía que semellan ter relación co dito O Barco. Ademais os filólogos insiren nesta dinámica toponímica a Barxela e Barxas, ademais de Barxamaior (A Nogais) e As Barxas (Quiroga). Mentres que Congosto, xunta ao medieval Cubelos, parécese ao Congostra, lugar ben estreito, topónimo abundante en Galicia.  

Outra caraterización dos topónimos é que evolucionan territorialmente. O Bierzo era coñecido como a zona chaira diferente das zonas montañosas periféricas. Sen embargo, a chamada provincia do Bierzo xeneralizou esa denominación até as fronteiras serranas estremeiras. Os pequenos vales do Bierzo ocidental manteñen os seus topónimos territoriais, Fornela, Ancares, A Somoza, O Valcarce ou Aguiar. Abraia o caso de Ancares, que pola intervención política no século XX, estendeu a súa denominación pola veciña terra histórica de Cervantes. No caso da comarca da Cabreira, agora xorde cunha denominación común cando na Idade Moderna estaba dividida en partidos (Cabreira, Odollo, Lousada e Ribeira).



Os historiadores tamén sabemos como coa creación da provincia do Bierzo polos Reis Católicos (ano 1486) este territorio quedou integrado no sistema fiscal da Coroa de Castela. Cando chegaron os recadadores fiscais dende Castela tiveron de facer os censos por tódalas localidades. Nos correspondentes documentos censais xorden os novos nomes das poboaciois. Por suposto, eses oficiais reais foráneos castelanizaron os termos locais porque non lles soaban ben as verbas en galego. Por iso, na documentación castelá do século XVI lemos erros toponímicos como: Barjas, Gestoso, Sotelo, Vega de Valcarcel, Balboa, etc. Asemade o idioma castelao foi o único utilizado pola escrita moderna. Velaí a razón de que os nomes castelanizados fosen tomados coma oficiais co devir secular.

O idioma castelao na Idade Moderna foi utilizado como instrumento de comunicación polos poderes político, económico e relixioso. Así se estableceron relaciois desiguais entre quen ben coñecía a lingua castelá, oral e escrita, e quen a ignoraba, os iletrados, a comunidade galegofalante do Bierzo. As relaciois coa burocracia castelá necesitaban constantemente de intermediarios, procuradores, escribaos e notarios, sempre asalariados. Ante estes oficiais de nada servían os topónimos e andrónimos en galego, todo era castelanizado ante o poder da grafía foránea. Nada se podía reclamar ante un poder monolingüe. Só algúns reclamaron recoñecemento para o galego, casos do frei Martín Sarmiento e pai Feijoo no século XVIII.



O pior de todo é que as situaciois toponímicas discriminatorias continúan en pleno século XXI. Traemos a colación certas imposiciois políticas de hoxe. A Lei do réxime local de Castela e León (1998) obriga a que “la denominación de los municipios habrá de ser en lengua castellana” (art. 24.1). Exemplo abraiante desta intencionalidade política de rematar coas outras linguas minorizadas, caso do galego do Bierzo. Para bater contra desta inxustiza lingüística fai falta o recoñecemento de dereitos idiomáticos á comunidade galegofalante, xa que o Estatuto de Autonomía de Castela e León de hoxe non nos protexe axeitadamente.  

 

O Bierzo, xaneiro de 2026.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

miércoles, diciembre 17, 2025

NOSO IDIOMA GALEGO ESTREMEIRO.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL 


NOSO IDIOMA GALEGO ESTREMEIRO,

Por Xabier Lago Mestre.

Recentemente tivo lugar unha Xornada da lingua e da cultura galegas de Asturias na Universidade de Oviedo.  Estaba organizada pola asociación Axuntar de defesa do galego desa provincia. Entre as persoas e coletivos convidados estivemos os galegofalantes do Bierzo, con membros da Escola de gaitas de Vilafranca e Fala Ceibe do Bierzo.

                Na facultade de Filoloxía falouse da problemática do galego de Asturias. Esta lingua está asentada na parte máis ocidental da provincia, na comarca coñecida como Eonavia. Agora ben, non faltaron as queixas polo maltrato que reciben eses falantes galegos por parte dos asturianistas. A primeira ameaza é negar a súa identidade galega, por iso os contrarios din que falan eonaviego cunha normativa lingüística diferente ao galego. Por suposto, os galegofalantes de Asturias ten clarexo o seu idioma. Hai que saber pasar deses poderosos que impoñen linguas e terminoloxías ás minorías. 



                Os tres territorios estremeiros, a saber, Eonavia, O Bierzo e As Portelas da Seabra, temos problemas de identidade porque os asturianos, leoneses e zamoranos non queren recoñecer que falamos o idioma galego dende a Idade Media. Ben sabemos disto os bercianos cos enfrontamentos co leonesismo, político e cultural. Os rexionalismos, asturiano e leonesista, rexeitan que nas súas provincias poida haber outras minorías culturais que cuestionen a súa territorialidade histórica. Exemplos destes ataques sen xeito dos foráneos temos a esgalla no Bierzo. Cando se demandaba ofertar galego nas escolas, o Conceyu Xoven acusaba de imperialismo, colonialismo, imposición lingüística, etc (1999), logo o partido Upl pedíu a eliminación da referencia ao galego no Estatuto de autonomía de Castela e León ou o impago dos profesores de galego (2005), negativa á sinalización bilingüe (2025), etc.

                Para os asturianistas e leonesistas calquera medida de promoción do galego nas comarcas do Eonavia e O Bierzo é un perigo para a súa existencia identitaria rexionalista. O curioso do caso é que hai leonesistas que din defender o seu idioma tradicional fronte aos avances do galego polo Bierzo. Agora ben, muitos deles nin falan leonés ou defenden o leonés do Bierzo sempre dende a capital leonesa. Se entramos en wikipedia podemos ler que na exión do Bierzo hai diversidade de falas leoneses, fornelo, ancarés, patsuezo, buecés (Bembibre), charro (Vilafranca), torenés, cabreirés, etc. todas elas dentro do inconcreto dialeto berciano. Dende logo iso é diversidade lingüística, mais non sei se todos eses falantes estarían por un leonés normativo.



Por certo, os galegofalantes dicimos que o galego tivo recoñecemento legal no Estatuto de autonomía de Castela e León en 1999, mentres que o leonés chegou muito depois no 2007. Ademais o galego podése estudar nos centros escolares dende o 2000, nada disto acontece hoxe co leonés. Estas diferenzas xurídicas e educativas por algo serán. Quizais porque non hai demanda do leonés no Bierzo senón na capital leonesa. Iso sí, os leonesistas, políticos e culturais, dedícanse a atacar aos galegofalantes polo ensino do galego, pola sinalización en galego, porque se oferta galego en Ponferrada, cidade que se atopa no seu territorio leonés, segundo a súa peculiar historiografía e filoloxía. Como eles non conseguen fomentar o seu leonés, tratan de ralentizar o avance do galego polo Bierzo.

O certo é que o galego do Bierzo medra en demandantes no ensino regrado (colexios, institutos e Escola oficial de idiomas). Neste curso 2025-26 chega a 1200 alunos. A isto temos que engadir os estudantes de galego a distancia e por libre, si, foron no curso pasado 640 os bercianos que se presentaron aos exames para obter os títulos de galego Celga, segundo datos oficiais. Convén tamén saber do amplo seguimento da Tvgalega no Bierzo, ademais do resto de medios dixitais que non se poden contabilizar, mais son unha realidade cultural incuestionable. O uso do galego tamén xa está presente nos xornais dixitais do Bierzo. Estes ben saben competir no mercado dixital polos internautas bilingües, mentres que os dixitais monolingües seguen nas dinámicas comunicativas do século pasado.



En fin, apesares dos atrancos dos asturianistas e leonesistas, os galegofalantes do Eonavia e O Bierzo seguimos a resistir na defesa da nosa cultura asoballada. Sentímonos mui orgullosos da nosa luita polo bilingüísmo fronte aos que nos impoñen seu monolingüísmo. Nosoutros fachendosos de falar varias linguas, e estar tan perto do internacional portugués. Por iso sentímonos máis ceibes a nivel cultural e lingüístico. Outros están atados ao seu pasado medieval dentro das súas imaxinarias fronteiras, eles non son quen de evolucionar cara a un mundo global e democrático.

O Bierzo, decembro de 2025.


http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es