viernes, septiembre 26, 2025

O DÍA EUROPEO DAS LINGUAS REXIONAIS

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL, 
librerías Simón y Quiñones de Ponferrada



O DÍA DAS LINGUAS EUROPEAS NO BIERZO,

Por Xabier Lago Mestre.

Polo 26 de setembro os europeos sentímonos orgullosos de celebrar o Día das linguas europeas. Festa dos falantes dos idiomas oficiais e tamén do resto de linguas non oficiais. Recordamos que os estados aprobaron a chamada Carta europea das linguas rexionais e minorarias. Carta que se executa polos estados de xeito desigual. A título de exemplo, en España acontece que falantes do mesmo idioma galego non temos recoñecidos os mesmos dereitos. A saber, os falantes de galego no Bierzo somos considerados de segunda categoría polo ordenamento lingüístico español. E así é por mor dun lindeiro administrativo que afasta Galicia e O Bierzo nos niveis provinciais e autonómico. O poder político ben sabe dividir certas comunidades culturais, coa axuda do seu dereito lingüístico, para no fondo devalualas e rematalas.

                A seguir queremos reflexionar sobre o ativismo político contra das linguas minorizadas. No Bierzo ben sabemos disto trala longa experiencia de séculos. Sen embargo, imos deternos nas últimas décadas para atopar exemplos das dinámicas antigalegas. Quen non recorda cando se recoñeceu o galego no Estatuto de autonomía de Castela e León no ano 1999. Daquela o leonesismo político e cultural protestou porque o galego non existía no Bierzo, senón o súa fala  galegoleonesa que agora estaba ameazada por un idioma foráneo. Logo aconteceu a execución da materia de galego voluntario nos centros escolares do Bierzo (2002). De novo o leonesismo atacou este avance pedagóxico porque se trataba dunha colonización cultural, dunha imposición lingüística galega, etc. Ante a demanda de miles de alunos bercianos por esta nova opción lingüística, calaron as acusaciois cazurras paseniño. A upl máis antigalega maniféstase na súa proposta de supresión do galego no Estatuto de Castela e León (2005). Co recoñecemento expeso do galego no articulado da Lei da Comarca do Bierzo (2010) tivemos que soportar novos ataques do outro lado do Manzanal. 



                O leonesismo dedica tódolos seus esforzos políticos en atacar o galego. Mentres a súa lingua leonesa esmorece e non consegue os avances do galego no Bierzo (recoñecementos legais, ensino, prestixio lingüístico, dixitalización, difusión televisiva…). Resulta que a dinámica política leonesista non ten xeito. Temos máis exemplos. Cando se formula a proposta de establecer sinais de tráfico en galego no Bierzo, novos ataques da upl (2023). Pouco depois, neste ano 2025, a upl pide sinalización en leonés nas autoestradas e carreteiras autonómicas nas entradas á súa rexión leonesa. Qué ben!, sinalización en leonés si, mais non para a sinalización en galego no Bierzo. A coerencia cazurra sempre está mui presente no seu ideario político.

                Reparamos agora en que a linguaxe é a expresión do pobo e tamén do poder, polo que pode ser expresión de ideoloxías concretas. Todos ben sabemos como se manipula a linguaxe con intenciois comerciais, relixiosas ou políticas para divulgar concretos relatos interesados. Os políticos fan iso coas linguas. Na Constitución española, no seu artigo 3, hai referencias á lengua castelá, as linguas oficiais e as otras modalidades lingüísticas. Se o galego do Bierzo non é oficial, será unha modalidade lingüística?. Cando se pretende a xerarquización lingüística pois se provocan extrañas consecuencias. No Estatuto de autonomía de Castela e León temos o artigo 5. Nel hai referencias ao castelao, presente nos “ámbitos educativo, administrativo y cultural”. Este mesmo recoñecemento non acontece para “la lengua gallega”, mentres que o leonés resta coa indeterminación ídiomática (lingua, dialeto ou fala?). En fin, de novo a forzada xerarquización lingüística provoca desfeitas legais.   



                No mes de setembro do hogano tivemos a visita en Ponferrada do deputado de cultura da Deputación de León. Este político upeleiro foi quen tivo a iniciativa de defender a súa identidade leonesa fronte ás presuntas manipulaciois e desinfomaciois dos medios de comunicación de Castela. Pois ben, comentando a presenza do idioma galego no Bierzo declarou, através da rede social Facebook, que “claro que sabemos que falais un dialecto galego, pero tamén un dialectos astur-leonés” (18 setembro). Para este político leonesista no Bierzo non falamos o idioma galego senón o dialeto galego, coa súa intención de desprestixiar nosa lingua. El semella saber máis cós filólogos cando estes se refieren ao idioma galego do Bierzo. Os filólogos de hoxe, sexan galegos, asturianos ou bercianos defenden a existencia de tres linguas na rexión berciana. Por suposto que houbo estudosos que teimaron na singularidade teritorial berciana, na súa mestura lingüística, divulgando expresios mui localistas. Son os casos de Antonio Fernández y Morales (dialecto berciano, 1861), Francisco González González (“un nuevo producto hablado, el berciano”, 1983) ou Jesús García Garcia (berciano, 2011).

     



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

jueves, septiembre 11, 2025

CHEGA O BIERZO VIÑATEIRO XA.

LIBRO EL BIERZO PROVINCIAL,
LIBRERIAS QUIÑONES E
SIMÓN DE PONFERRADA 


CHEGA O BIERZO VIÑATEIRO,

Xabier Lago Mestre.

No mes de setembro o campo berciano recupera o seu protagonismo. Trala recollida das mazás e as peras das nosas denominaciois de orixe, chega a vendima. Atrás restan as preocupaciois das colleitas (chuvias, xeadas, prezos das vendas…). As vilas máis viñateiras recuperan a vitalidade agrícola, coma sempre Cacabelos, Vilafranca, Viladecaes, os Valtuilles, Los Barrios, etc. Lóxicamente os tempos mudan, estamos no século XXI onde a tecnoloxía xoga un papel fundamental. Mais a cultura viñateira vén de ben lonxe, quizais cos romanos, e sabemos da importancia dos mosteiros no desenvolvemento das viñas bercianas. Nesta ocasión queremos facer mención á  Idade moderna porque temos muita información documental.

                Por suposto, os grandes propietarios da terra eran os mosteiros, casos de Carracedo, Espiñareda e Montes. Estes cedían as súas terras aos vasalos, solaregos e labregos en xeral para faceren determinados cultivos através de contratos de foros, casos das viñas. Nestes contratos  establecíanse as obrigas a cumprir polas dúas partes. Por suposto, nesta desigual relación os señores sempre se levaban a mellor parte dos beneficios das colleitas. A renta a pagar era fixa nun longo período de tempo, agora ben, se había malas colleitas, polas sucesivas crises agrarias, o labrego tiña a obriga de pagala sen desculpas o que provocaba o seu endebedamento económico.



                Outro aspecto a ter en conta era o protecionismo económico que había nos séculos da Idade moderna. Así por exemplo, os concellos das vilas aprobaban ordenanzas do viño. Nesta normativa local regulábase todo o relacionado co viño. Establecíase o aceso ás viñas, os tempos de vendima, o rebusco de restos, o peche de viñas, traballo de xornaleiros, entrada de viños de fóra, prezos de venda, etc. Por suposto, os grandes viñateiros organizáronse para a defesa dos seus intereses económicos, así xurdíu o gremio de viñateiros de Ponferrada ou a xunta de viñateiros de Vilafranca. Estes grupos procuraron controlar o poder políticos dos seus concellos para fixar unhas ordenanzas locais do viño que lles favorecían claramente. Neste sentido empeceron a entrada de viños foráneos nas súas vilas porque poderían prexudicar a venta dos seus. Os grupos de grandes viñateiros controlaban as produciois de Ponferrada e Vilafranca, mais tamén das aldeas da súa contorna e de máis aló. Así non deixaban meter viños dos Valtuilles, Viladecais, Los Barrios ou Valdeorras.

                Non podemos pasar por alto o tema dos variados traballos que se executaban nas viñas da provincia do Bierzo na Idade moderna.  Esas labouras agrícolas eran mui diversas ao longo do ano. Así temos as dúas podas de xarmentos (chapodar e poda en verde), as cavas (unha en marzo e outra en final de primavera), o abonado, a planta de bacelos (probainas de viñas novas), apostar vides (enrodrigar), entrechantar cepas, tirar as malas herbas, os tratamentos (azufre e sulfatos), a vendima da colleita, os tranportes en carros (carrexar) e cabalerías, a pisada das uvas nos lagares ou cos lagares de madeira, fabricación de mostos e oruxos en adegas, os coidados bodegueiros, as vendas, etc. Canto traballo había nos lagares, con esas grandes vigas que prensaban as uvas na lagareta, eses fusos e contrapesos de pedra, o mosto saíndo para o pilo, os procesos de maceración e fermentación, o trasego de mostos a depósitos, logo os caldos nos cubetos e toneis, etc. 



             Os procesos viñateiros descritos n antiguidade non estaban mecanizados coma hoxe. Agora ben, unha cousa era clarexa, necesitaban de muita man de obra de xornaleiros. Velaí que nas xeiras de traballos agrícolas chegasen ao Bierzo xentes de fóra na procura dun salario extra. Inmigrantes galegos viñeron á provincia do Bierzo durante os séculos da Idade moderna, segundo a documentación histórica. Foron tantos os inmigrantes galegos que deron lugar a muitos problemas (mendicidade, roubos, medre de poboación, etc). Os correxidores de Ponferrada ditaron sucesivos autos de bo goberno para controlar a súa estadía na vila do Sil. Nos Barrios de Salas tamén aprobaron ordenanzas sobre os xornaleiros da viñas desas tres localidades (J.D. Rodríguez Cubero). Así sabemos que houbo desacordos entre patrois porque os máis ricos ofrecían mellores salarios e atraían a traballadores doutras viñas. Por iso se fixaron  os salarios, para evitar competencias problemáticas, “no les paguen más de dos reales a cada uno por día”. Ademais, desputaron polo tema dos xantares dados aos xornaleiros. Os propietarios das viñas acordaron dar unha soa comida frugal nas mesmas viñas, e sen levarlles ás adegas. Esa comida contiña viño moderado, cecina, carne ou peixe e non pan, e dábase no xantar e na cea (ano 1601).  



Por suposto, a ampla provincia do Bierzo era varíada a nivel agrícola. Na zona montañosa predominaban os terreos gandeiros (brañas, alzadas, morteiras…), ademáis dos cereais (searas, e bouzas). Mentres que O Bierzo chairego se especializou nas viñas na procura da produtividade e dos mellores prezos agrarios. As conxunturas económicas (crises agrarias, demandas, prezos…) condicionaban os cultivos coma hoxe. Agora tamén as políticas europeas determinan os cultivos e non digamos nada dos prezos fixados polas bolsas internacionais. Ben, na segundo metade do século XVI houbo un exceso de plantaciois de viñas e escaseza de pan. Isto provocaba un aumento da demanda de pan, polo que medraron os prezos do pan, e muitos non pudieron págalo para alimentarse. Ante a protesta social a Coroa acordou executar unha política económica restritiva para as novas viñas. O correxidor de Ponferrada foi o encargado de facer as infomaciois ao respeito, executar o mandato real e multar a quen plantaba novas viñas. Dos interrogatorios á veciñanza podemos dicir que para uns non había tanto exceso de viñas e que non faltaba pan, mentres outros defendían a postura contraria. Non podemos pasar por alto os conflitos de intereses entre os viñateiros da rexión que non querían a competencia das novas plantaciois. Os grandes viñateiros defendían o seu control, de plantaciois, produciois e prezos vinícolas.  Cavilemos en que nesta xeira non existía librecambio económico senón protecionismo local, regulado polos gremios, caso dos maiores viñateiros e as oligarquías dos concellos das vilas.

O Bierzo, setembro de 2025.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es