jueves, enero 22, 2026

A EVOLUCIÓN URBANA DE PONFERRADA

LIBRERIACAJONDESASTRE.COM


A EVOLUCIÓN URBANA DE PONFERRADA,

Por Xabier Lago Mestre.

Soprende que a cidade de Ponferrada teña tan grande desenvolvemento urbano estando tan alonxada das capitais provinciais (León, Lugo, Ourense, etc). Quizais este afastamento dos ditos centros de poder axudase ao desenvolvemento da capital berciana. Aínda que a grande despexe foi por mor da implantación do capitalismo industrial no século XX que favoreceu a chega de miles de emigrantes traballadores.

                Mais vaiamos por partes. Na Idade Media sabemos dun núcleo urbano entorno ao vello castelo templario e logo da fortaleza. Houbo numerosos señores da vila que se aproveitaron dos seus vasalos ponferradinos, mediante a recadación de impostos, penas xudiciais e servizos persoais (cavas do foxo, reconstrución do castelo, recrutamentos militares, etc). Ademais disto, o concello de Ponferrada tiña xurisdición sobre certas aldeas da súa contorna (alfoz). Por iso, os veciños desas localidades debían de axudar á conservación da cerca da vila,  a cambio de conseguir eses habitantes foráneos a proteción trala cerca en caso de ataques exteriores. Neste período a construción da ponte de portas de ferro, polo bispo Osmundo, foi fundamental para o desvío do Camiño de Santiago, dende santo Tomás das Olas para Ponferrada.



                Feito salientable foi a derrota do conde de Lemos, señor da vila, polos Reis Católicos,  os cais mercan Ponferrada en 1486. Dende esta data a Coroa establece a capitalidade da nova provincia do Bierzo, establece o seu correximento, concede ferias e mercados, fixa a tesourería de rentas, etc. Importante foi o desenvolvemento urbano da zona intramuros a nivel urbanísttico durante a Idade Moderna, casonas, empedrado de rúas e prazas, torre do reloxo, igrexa maior, etc. Mais a vila vai a medrar paseniño polos barrios de san Andrés co seu hospital e santa Marta (zona plantío de árbores) e A Poboa no arrabalde.

Os mercados e feiras axudaron ao desenvolvemento económico de Ponferrada. Tiveron gran importancia en xeral por mor das mercas estacionais dos seitadoes galegos retornados e as compras e vendas de gando por parte de castelaos e galegos, respeitivamente. As prazas do Mercado e das Eras foron os centros comerciais, seguidos por outras rúas coma Carnecerías, Aceiterías, Reloxo e Rañadeiro, nesta última houbo grande cantidade de vendedores de produtos artesanais (curtidos, textis, ferro…). A zona gandeira do Moclín quedouse pequena, por iso leváronse os muitos gandos á ermida de san Antonio. A agricultura de autoconsumo abastecíase nas ribeiras dos ríos Sil e Boeza coas tabladas de ortas.

Como xa dixemos, o desenvolvemento económico capitalista do Bierzo chegou coa mineiría, industría, enerxéticas, etc. O novo sistema económico rexional precisa dun centro de poder centralizado e xerarquizado en Ponferrada (bancos, administración, comercio, transportes, etc). A concentración industrial, mineira e transportes favorece a oferta de numerosos empregos. Veñen muitos traballadores galegos, andaluces, asturianos, portugueses, etc. Hai pois unha grande necesidade de vivendas para a nova veciñanza. A ampliación do barrio antigo da Poboa vai para diante a mediados de século XX.  Son as novas zonas de Lazúrtegui (antes os mesonres), san Pedro (mercado e igrexa), Navaliegos (vivendas sindicais, 1957), estación (Renfe), MSP (vivendas oficiais e obreiros, economato) e san Ignacio (igrexa e colexio). Aínda así, a falta de vivendas obriga a construir nos barrios periféricos, a saber, Catroventos, Fontesnovas, Flores do Sil, La Placa (cargadeiros de carbón e fábricas), Compostilla (poboamento de Endesa)…

Na segunda metade do século XX teñen lugar grandes mudanzas. Entre elas a emigación do rural berciano, despoboación das zonas montañosas, crises enerxética e mineira, etc. O medre da cidade de Ponferrada xa non é tan grande mais o sector servicios e os polígonos industriais tiran da economía urbana. O novo urbanismo concéntrase no polígono das hortas que ía para campus universitario e quedou en zona cultural (colexios) e vivendas. Outras novas zonas enriba foron o Plantio, co hospital primeiro e logo co campus universitario, ademais do Carme xa sen o seu vello cemiterio. O atrativo do turismo está a potenciar a hostaleria e a restauración de Ponferrada, coma centro de partida de variadas rotas, casos das Médulas, Tebaida berciana, deporte de montaña e o futuro Ponfeblino será a guinda.



Xa no século XXI hai que salientar a importancia do novo barrio da Rosaleda, nas terras expropiadas para a fracasada siderurxia de comezos do século XX. Anexas foron as instalaciois deportivas do Toralín. Mais non se pode olvidar o novo gran centro comercial deste barrio. Concentrar a meirande oferta comercial nun só lugar transformou as compras e o lecer dos ponferradinos. Máis aló, esta influenza comercial chega a tódolos bercianos e muitos valdeorreses como ben sabemos todos. Agora ben, estas novas relaciois urbanas, cun grande centro comercial, seguindo o exemplo norteamericano, ten unhas graves consecuencias.

Como era de esperar houbo unha influenza negativa do grande centro comercial do barrio da Rosaleda. Conseguiu unha concentración comercial que debilitou a outras zonas urbanas, casos da alta e baixa. No centro tiveron que pechar a persiana muitos comercios, por xubilación, falta de relevo e competencia. O certo é que para os usuarios o novo centro comercial ten un atrativo especial que chama, tanto para comprar, aproveitar o lecer, pasear, mirar ou socializarse nun lugar de encontro ao que todos van. En fin, que alí tes de todo o que poidas desexar, a modernidade ao alcance da mao.



Xa ninguén se recorda cando a burquesía ponferradina decimonónica facía o paseo domingueiro entre a praza do mercado ou da igrexa maior até o parque do Plantío. Logo viñeron os tempos en que as familias obreiras facían o percorrido festivo entre as estaciois do ferrocarril, vendo saír e chegar con comboios, para logo ir ás rúas comerciais e bares da Poboa. No século XXI, se queres vida social tes que deslocalizarte para o centro comercial do barrio da Rosaleda. De tódolos xeitos, todo pode mudar, a internet está a potenciar o comercio eletrónico e quen sabe se ese centro comercial pode perder os futuros usuarios que prefiran mercar dende a súa casa coa máxima comodidade e privacidade.   






http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

martes, enero 13, 2026

UN NOVO CONVENIO ENTRE JUNTA E COMARCA DO BIERZO.

libreriacajondesaste.com



NOVO CONVENIO ENTRE JUNTA E COMARCA,

Por Xabier Lago Mestre.

Por fin a Junta de Castela e León e o Consello comarcal do Bierzo asinaron un novo convenio marco para establecer as relaciois entre ámbalas dúas instituciois. Por desgraza a Lei da Comarca de 1991 fixou un Consello Comarcal mui dependente, tanto a nivel competencial coma financeiro. Isto provoca que cada catro anos haxa que revisar as relaciois interinstitucionais. Este carto convenio terá unha vixencia até o ano 2029.

                Por suposto, resulta fundamental o protagonismo da Junta de Castela e León na creación da Comarca do Bierzo, foi ela quen presentou o proxeto de lei ante as Cortes autonómicas. E maila Junta é quen facilita os cartos públicos para o funcionamento da institución comarcal. Non podemos pasar por alto esta dependencia institucional do poder político de Valladolid, fixado así no contido da Lei da Comarca de 1991. Ademais a propia lexislación local estatal restrinxe gravemente a capacidade financeira das comarcas. Logo a Comarca do Bierzo está atrapada na rede da lexislación estatal e autonómica que constrinxe o seu ativismo administativo e político.



                Velaí a importancia de concretar as relaciois financeiras entre Junta autonómica e Comarca do Bierzo. Por suposto, fíxanse uns compromisos xerais e outros sectoriais que oxalá poidan levarse a cabo, aínda que xa sabemos da debilidade dos compromisos en precampaña eleitoral e durante as conxunturas políticas das lexislaturas. Estas sempre mui condicionadas polos pactos entre os partidos gobernantes. Intentaremos ser optimistas até o ano 2029.

                Neste tema dos compromisos políticos non resulta lóxico que a Comarca do Bierzo non posúa aínda unha sede estable e que teña que pagar aluguer pola sede provisoria de hoxe no parque da Provincia do Bierzo de Ponferrada. Xa está ben de esperar unha sede digna e axeitada!. Cumprirá a Junta de Castela e León co eterno compromiso de financiamento da dita sede?.



                Por suposto que a Comarca do Bierzo segue sen poder desenvolver as súas competencias plenamente. Tanto a dita Junta coma a Deputación leonesa son ben reticentes a delegar no Consello Comarcal a xestión das que consideran as súas competencias. Os poderes institucionais foráneos ven unha ameaza de perda competencial. A descentralización só ten valor cando beneficia ás ditas Junta e á Deputación. Por iso o principio de administración máis próximo aos cidadaos segue sen executarse no caso do Bierzo. Nosa rexión é periférica da comunidade autónoma, ben lonxe da chaira castelaoleonesa e afastada por montañas. Todo o mundo estende esta situación xeográfica singular menos os políticos foráneos que non queren descentralizar para facilitar o aceso dos bercianos ás administraciois.

                Como exemplo do descrito e denunciado temos a falla de delegación en materia cultural. No Bierzo hai unha comunidade galegofalante que necesita que se fomente o uso do seu idioma para acada unha normalización lingüística. Sen embargo, tanto a Junta de Castela e León coma a Deputación leonesa atesouran a competencia cultural e son elas as que determinan o destino da nosa lingua galega, cunha restritiva política cultural cara ao idioama galego. Esas dúas administraciois foráneas toman as decisiois políticas e soltan os cartos públicos cando les petan, sempre migallas para o galego. Isto é un abuso institucional que discrimina aos galegofalantes. Lamentable a falta de conciencia política do que debe ser o fomento da cultura berciana tradicional. Será que a defesa do galego do Bierzo non lles dá votos aínda?.



                A seguir con este tema cultural, o Conselh Generau d´Arán asina periódicamente un convenio coa Deputació de Lleida para o fomento do idioma aranés. Con total normalidade, a institución que fala aranés xestiona a política cultural, non así dende a cidade de Lleida. Todo o contrario fai o Instituto Leonés de Cultura co galego do Bierzo. Os que non falan este idioma, desde a sede a Deputación,  queren condicionar noso destino cultural ano tras ano coas súas escasas subvenciois. Eses políticos leoneses teñen máis faciana ca lombo!.

                Voltamos ao tema das competencias comarcais para salientar a importancia de competencias delegadas. Son os casos do servizo de asistencia aos pequenos concellos rurais (SAM), a xestión do medio natural cos labores silvícolas, o apoio á terceira idade e infancia, a xestión dos fondos da transición enerxética dos municipios mineiros, centro de atención a drogodependentes, medidas para favorecer o emprendimento, inserción de discapacitados, etc. Son centos os bercianos silentes que se teñen beneficiado destes variados servizos públicos da Comarca. Recordamos tamén o Banco de Terras que trata de favorecer a explotación de terras agrícolas abandonadas, ademais do servizo de pequenas obras das pedanías.



                A Comarca do Bierzo aposta pola representación turística propia dende o século pasado. Non pode faltar a nosa presenza nas grandes feiras de Fitur Madrid e Intur Valladolid. Fruito desta promoción turística temos a chega de milleiros de turistas á nosa rexíón. Porque  acadamos unha marca de calidade turística sen igual, ben recoñecida en Catela e León e España. Estamos seguros de que este valor turístico berciano singular non sería tal cunha dependencia promocional só dende León e maila súa Deputación.

                Por suposto que o dito Convenio marco de colaboración institucional deixa muitos temas sobranceiros sen tratar. Casos da dita pomoción do idioma galego, recollida común de lixo, tratamento de residuos sólidos, parques de bombeiros, xestión urbanística, etc. Non podemos entender que non se trate sobre a creación dun Centro cultural berciano que abrangue un museo etnográfico e arquivo histórico en Vilafranca do Bierzo. Por certo, hogano, en 2026 celebramos o 35 aniversario da creación da Comarca do Bierzo. Bon cabodeano para reclamar a reforma da Lei da Comarca d 1991. Deixamos dúas propostas para engadir ao texto estatutario. Trátase de reclamar a iniciativa lexislativa ante as Cortes autonómicas, coma xa existe  popular e concellil, e ten a Val d´Arán. E tamén a capacidade de relaciois exteriores, caso de Galicia coas políticas culturais e lingüísticas. Oxalá a conxuntura política, tralas eleciois autonómicas do vindeiro marzo, sexa favorable para conceder ao Bierzo o que ben nos merecemos.

O Bierzo, xaneiro de 2026.



http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es

viernes, enero 02, 2026

A SUPERAR AS DESPUTAS LINGÜÍSTICAS NA REXIÓN DO BIERZO.

LIBRERIACAJONDESASTRE.COM 


A SUPERAR AS DESPUTAS LINGÜÍSTICAS.

Por Xabier Lago Mestre.

Os bercianos de xeito xeral opinamos que na nosa rexión ben que se fala o idioma galego. Xa nin sequera dende León cuestionan esta realidade lingüística. Noutrora tivemos que escuitar muitas toulerías cazurras que negaban a existencia do noso idioma territorial. Recordamos aínda cando nos dicían que no Bierzo falabamos eses chapurreao, dialeto berciano, modalidade galegoleonesa, falas locais e comarcais varias, etc. Que bo iso de que os de fóra do Bierzo fosen capaces de determinar o que os bercianos falamos dende a Idade Media. Até onde chega o centralismo cultural leonés!.

                 O dito, a meirande parte dos bercianos sabemos que falamos galego, apesares de que hai algúis que aínda non o teñen muito clarexo este tema. Por iso, voltamos a informar máis polo miúdo sobre esta problemática. O primeiro é saber que as mentalidades sociolingüísticas evolucionan co coñecemento coletivo. Eses que dicían falar chapurreao ou falas pecaban dun excesivo localismo idiomático que non les beneficiaba. Por suposto, non de pode illar esas falas locais dos idioma territoriais en que se insiren históricamente. Este pode ser o caso do plural dialetismo galego (comarcal ou local) integrado na lingua galega do noroeste peninsular. Dialetismo que se concreta no variado léxico, fonética e morfosintaxe.    



Por suposto, os filólogos teñen o seu protagonismo na determinación das linguas. Os seus estudos son tamén variados e non sempre coincidentes nas súas teses. Uns defenden que hai un continuum lingüístico dende Catalunya até Galicia pasando por Aragón e León. Este é o caso de Ralph Penny, que di que non hai linguas territoriais veciñas senón dialetos ou falas. Para outros a toponimia demostra que no Bierzo hai un sustrato lingüístico leonés antigo no que se superpon o galego foráneo. Este é o caso do filólogo asturiano Jesús García García.

Tamén temos o caso da denominación dialeto berciano. O primeiro en utilizalo foi Antonio Fernández y Morales no seu libro “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861). Para este autor tratábase de un dialeto galego, si bien el berciano es un subdialecto gallego, se castellaniza á medida que los pueblos del país de que me ocupo se van acercando á Castilla.   O máis curioso é que esta expresión, dialeto berciano, continúa na atualidade con outro sentido. O torenés Francisco González González defendía o dialeto berciano como mestura de linguas veciñas (galego, leonés e castelao). Sen embargo, sintomático é que eses defensores do hipotético dialeto berciano xamais se atreveron a escribirlo. Tampouco puideron fixar unha gramática común, e non pasaron de recompilar vocabularios comarcal ou locais. O seu excesivo localismo filolóxico berciano non dá para máis.  



Logo temos aos etnógrafos, caso da leonesa Concha Casado Lobato, que apostaba polas falas locais coma obxeto de estudo orixinario, caso do cabreirés. Os ditos grupos de filólogos e etnógrafos comentados rexeitan as influenzas das chamadas linguas territoriais. Ven unha ameaza foránea, caso do galego no Bierzo, porque alteran as falas territoriais que aqueles defenden con paixón. Mal apoio fan eses ditos investigadores a eses dialetos e falas locais cando baten contra os idiomas normativizados. Eles non queren o mantemento deses dialetos nun futuro, senón que sigan así até morrer por falta de falantes. Só pretenden ter un obxeto lingüístico que estudar, ben documentado e conservado nas súas grabaciois fonolóxicas.

Pola outra banda, outros filólogos tamén estudan o dialetismo galego do Bierzo, para desmostrar a existencia desta lingua na nosa rexión dende a Idade Media. O profesor Francisco Fernández Rei estableceu os tres bloques idiomáticos do galego, situando O Bierzo no máis oriental compartido con Eonavia, Valdeorras, O Bolo e As Portelas da Seabra. Pola súa banda, a filóloga Ana Seco Orosa fixou as liñas idiomáticas coñecidas coma isoglosas que definen a caracterización filolóxica específica entre variedades veciñas, caso do galego e leonés. Ademais outros etnógrafos estudaron no Val de Ancares (J. Fernández González, 1978) e Fornela (X. González Reboredo, 2002), atopando muitas coincidencias lingüísticas con Galicia. 



Máis aló dos estudos de todo tipo, o importante é que non se pode cuestionar a presenza histórica do idioma galego no Bierzo. Os falantes galegos non queremos apostar por posturas idiomáticas suicidas, coma esas que din defender un presunto dialeto berciano en utilizalo para nada, ou unhas falas comarcais ou locais que dividen sen xeito. Ante a perda de falantes hai que ofrecer un idioma galego con novas potencialidades.

Fronte a eses filólogos, historiadores e etnógrafos anquilosados no seu pasado idealizado. Persoeiros que egoistamente fomentan un localismo lingüístico aloucado sen instinto de supervivencia idiomática. Eles non son capaces de defender o galego do Bierzo, nin de utilizalo, mais sentan cátedra dende as súas cómodas cadeiras académicas. Tratan de forzar e propagar a súa visión cultural elitista e castelanizada, mentres minorizan sen xeito a lingua galega do Bierzo durante as últimas décadas. Abusan do uso dos cartos públicos para os seus intereses particulares e non para fomentar o pluralismo cultural e lingüístico. 



Pasemos deses ditos seus atrancos elitistas acotío e miremos para diante. Así fan os miles de estudantes de galego na nosa rexión que apostan polo fomento da nosa cultura minorizada secularmente. Esta mocidade quere un galego moderno con novas funcionalidades (administración, dixitalización, intelixencia artificial, robótica, etc) no século XXI. Teñamos visión de futuro pro galego, da mao da modernidade, coa normativización, dixitalización e  internacionalismo. Os galegofalantes luitamos contra esa fronteira política e cultural que nos alonxa de Galicia e que nos afasta da irmá Valdeorras. Temos un idioma galego que ben que nos abre ao mundo co veciño portugués. Esteamos orgullosos da nosa cultura e lingua  galegas porque co noso bilingüismo histórico damos exemplo de humanismo aos que nos queren censurar.

O Bierzo, xaneiro de 2026. 




http://sites.google.com/site/obierzoxa http://www.facebook.com/xabierlagomestre www.twitter.com/obierzoxa http://www.blogoteca.com/obierzoxa http://obierzoceibe.wordpress.com http://www.ciberirmandade.org/falaceive www.ponferrada.org www.partidodelbierzo.es