viernes, octubre 29, 2010

A RENACENCIA GALEGUEIRA NA REXIÓN DO BIERZO.


A RENACENCIA GALEGUEIRA NO BIERZO,
Por Xabier Lago Mestre, do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.



Na Comunidade Autónoma de Galiza aínda segue sendo abraiante que haxa bercianos que reivindicamos a lingua galega máis aló do porto de Pedrafita. O certo é que dende as últimas décadas do século anterior hai un novo pulo social a prol da protección do galego.


Primerio foi a demanda de ensino do galego nos centros escolares da bisbarra. Moito houbo que bater nas portas da Junta de Castela e León para termos a autorización final. Froito dese traballo reivindicativo foron as primeiras resolucióis a prol do ensino do galego no Congreso dos Deputados (1997) e nas Cortes de Valladolid (2000). E aínda tivemos que agardar ata a sinatura do convenio de colaboración entre os Gobernos autonómicos de Galiza e de Castela e León (2001) para ter ensino do galego no curso seguinte. Hoxe a aprendizaxe deste idioma medra paseniño en todos os niveis educativos, agás na universidade.


Tamén houbo que procurar o recoñecemento do idioma galego no Estatuto de Autonomía de Castela e León. Inicialmente as Cortes de Castela e León non quixeron admitir tal demanda no seu proxecto de Estatuto. Pero a reforma posterior, nas Cortes Xerais, si admitiu o recoñecemento do galego no texto definitivo do Estatuto Autonómico (1999). Esta declaración lexislativa foi escasa, “gozará de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice”. Por iso, coa nova xeira reformadora do Estatuto de Autonomía de Castela e León (2007), volveu a presión por mellorar a protección legal do galego, aínda que o texto non se modificou.


Pero esa última reforma do dito Estatuto de Autonomía de Castela e León servíu para conseguir unha protección indirecta. Un artigo da dita Lei Orgánica se refire a que “unha lei das Cortes de Castela e León regulará a comarca do Bierzo, tendo en conta as súas singularidades e a súa traxectoria institucional”. Este precepto fai mención ás singularidades da bisbarra berciana, entre as que se atopa, sen dúbida, a presenza do idioma galego.


Curiosamente a Lei vixente da Comarca do Bierzo, de 1991, non ten ninguna referencia á lingua galega. Agora estase tramitando nas Cortes de Castela e León a reforma desa Lei. Pois ben, trala correspondente presión colectiva xa hai un compromiso firme dos partidos, concretado na presentación de emendas a prol do recoñecemento do galego nesa Lei rexional. Isto permitirá principiar o uso institucional do galego nos entes locais.


Outra intervención vindicativa ten sido a demanda da TVG no Bierzo. Tralo apagón analóxico houbo que mobilizarse para non estragar o contacto televisivo co galego. Hoxe podemos dicir que na bisbarra recibimos varias televisióis dixitais de Galiza. O certo é que a TVG ten feito moito pola recuperación do galego no Bierzo.


De tódolos xeitos cómpre indicar que o futuro do galego do Bierzo dependerá moito da normalización lingüística desenvolvida na Galiza. Necesitamos do apoio político e económico da Comunidade Autónoma veciña. A axuda que veña de Castela e León será sempre a regañadentes e escasa porque non se considera súa a protección dunha lingua allea.

O Bierzo, outubro de 2010.
http://www.obierzoceibe.blogspot.com/

Etiquetas: , ,

domingo, agosto 15, 2010

REFRANEIRO GALEGO-BERCIANO DOS ANIMAIS.


REFRANEIRO GALEGO-BERCIANO DOS ANIMAIS.
(Homenaxe ao falecido mestre xubilado Manuel Rodríguez y Rodríguez).
falaceibe@yahoo.es


SOBRE OS CANS, OS LOBOS E OS ZORROS.
“Burra de moitos, cómena os lobos”.
“Home que non bebe e can que non ladra, algo lles falta”.
“Corre máis un galgo de dous anos que un burro de vinte”.
“O can que máis ladra non é quen máis morde” (forza só de boca)
“Do lobo un pelo e aquel do medio”.
“O cura e mais o zorro, se perden a mañá, perden o día todo” (ámbolos dous ganduis).
“De onde menos se pensa pode saír un can” (sorpresa do imprevisíbel)
“Cando a zorra anda os grilos, mal para mai e mal pros fillos”
“Chámame can pero dame pan”.
“Morreo o can, acabouse a rabia”
“Non teñas can mentres non che sobre o pan”.
“O que trate con zorros que non pense en comer carne”.
“O que a can alleo lle dá pan, perde pan e perde can”
“En terra de lobos hai que oular como todos” (entre mala xente segue o exemplo).
“O zorro perderá a forza pero non as mañas”.


SOBRE OS BÓVIDOS.
“Antes de ter becerro, hai que ter onde metelo”.
“Nin por boi nin por vaca te cases con María, a mañaca” (tara física).
“O que non ten bois, ou antes ou despois” (animais necesarios sempre)
En ruín gando pouco queda onde escoller”.
“Fillos e vacas só as que se poidan manter”.
“O boi vello, non lle cambies de pesebre” (a forza do costume)

SOBRE O XÉNERO OVINO E MAILO CAPRINO.
“Cabra de moitos, cómena os lobos”.
“Cada ovella paga coa súa pelexa”.
“O año manso, mama na súa mai e na allea”
“Home lermeiro, non é home nin carneiro”.
“A ovella que moito come, pouco come”.
“Galo de xaneiro vale por carneiro”.
“Non compres a cabra coxa pensando que sanará, pois se a sana coxea, a coxa que fará?.
“A ovella que berra moito, bocado que perde”
“A muller e a cabra non nas ates con corda larga”
“Compañeiro de traballo, compañeiro de rebaño”
“O carneiro, co vicio, dá cos cornos no cu”
“A muller e a ovella, a noita na cortella”.


SOBRE O XÉNERO CABALAR.
“De mulleres, alguacís e burros vellos, non te fies moito”.
“Home casado, burro alquilado”.
“O amigo e o cabalo, non cánsalo”
“Onda canta un cura ou ornea un burro, sempre hai un peso duro”.
“Mentres haxa burros nunca faltará quen vaia a cabalo deles”
“O burro e o amigo non os cargues demasiado”
“En cabalo, mula ou muller convén saber escoller”.
“De burro pra baixo xa non hai cabalerías”
“En cabalos e en muller convén saber escoller”.
“De neno rei, de mozo capitán, de casado burro e de vello can”

SOBRE OS PEIXES.
“Os peixes e as troitas non se collen cas bragas enxoitas”
“Cazador ou troiteiro, nin meda nin palleiro”.
“O que queira peixes ten que mollar o cu”

SOBRE OS RATOS E OS TOUPOS.
“Os de Souto mataron o toupo, e perderon a misa por matar a outro”.

SOBRE AS AVES.
“Cada moucho no seu souto, sempre manda máis co outro”
“Cada pardal, na súa espiga”.
“O corvo nace na pena e sempre tira pra ela”
“Fillos e pitos nunca son moitos”
“De tal niño tal paxaro
“A muller e a perdiz pola lingua se maldiz”.
“Cegos, pegas e choias, dou ao Demo estas tres xoias”
“Muller que asubía e pita que cante como o galo, que as parta un raio”.

SOBRE OS INSECTOS.
“En boca pechada non entra nin mosca nin araña”

SOBRE O XÉNERO PORCINO.
“Cochos e marraus, todos irmaos”.
“O peor marrau sempre lle toca a millor castaña” (sorte do perdedor).

BIBLIOGRAFÍA.
Manuel Gutiérrez Tuñón: “Refranes galaico bercianos”, en Estudios Bercianos, IEB, 1990.
Santiago Castelao Diñeiro: Refraneiro berciano, Lancia, 1991.
Dieguez Ayerbe: Etnografía y folklore de las comarcas leonesas. El Bierzo. 1884.
Manuel Rodríguez y Rodríguez: Etnografía y folklore del Bierzo Oeste-Suroeste.

O Bierzo, agosto de 2010.
www.obierzoceibe.blogspot.com
http://www.blogoteca.com/obierzoxa
http://www.ciberirmandade.org/falaceive
www.partidodelbierzo.com

Etiquetas: , ,