lunes, octubre 25, 2010

BASES GALEGUEIRAS DO COLECTIVO FALA CEIBE DO BIERZO.



BASES GALEGUEIRAS DO COLECTIVO FALA CEIBE DO BIERZO,
falaceibe@yahoo.es



Un grupo de asociacióis lingüísticas de Castela e León pretenden a creación dunha Plataforma de Asociaciones en Defensa del leonés y el gallego. Para a súa posta en práctica se quere fixar un manifesto fundacional. O colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo pretende animar ese debate amosando as nosas chamadas Bases Galegueiras. Como presuposto previo, este colectivo berciano declara que hai grandes diferencias reivindicativas entre as diversas asociacióis lingüísticas de Castela e León. Diverxencias que deberán ser previamente conciliadas con naturalidade para favorecer a unidade de acción nesta Comunidade Autónoma.


1. CONCRECIÓN TERMINOLÓXICA.
Fala Ceibe reclama o uso reivindicativo dos términos lingua e idioma galego do Bierzo. Superando así as denominacióis secundarias de falas galegas, dialecto berciano e linguas mesturadas coma galego-leonés.


Asumimos con normalidade as diferencias lingüísticas das sucesivas etapas históricas do noso idioma galego, así como a diversidade dialectal, filolóxica e sociolingüística, e a súa caracterización diacrónica, sincrónica, diatópica y diastrática.


2. RESPECTO AOS PROCESOS REIVINDICATIVOS.
Cada colectivo lingüístico ten a súa dinámica reivindicativa propia, e Fala Ceibe non é unha excepción a ese principio. Neste contexto estrutural entendemos as nosas demandas, alianzas extraterritoriais (en Galiza, Portugal e UE), medios, metodoloxía, temporalidade, estratexias, tácticas concretas e demais.



3. DIVERSIDADE DE ÁMBITOS VINDICATIVOS.
Fala Ceibe traballa en diversos ámbitos reivdicativos. Para nós é fundamental o traballo fóra dos nosos lindeiros político-administrativos. Esta específica actitude nosa non está sendo comprendida dentro desta Comunidade Autónoma por outras asociacióis leonesistas.


Eses eidos vindicativos son: ensino do galego en todos os niveis, uso administrativo en todas as administracióis públicas, recuperación toponímica en galego, utilización do galego nos medios de comunicación tradicionais e das novas tecnoloxías da información, recepción dos medios de comunicación de Galiza no Bierzo, galego nas actividades privadas (comercio, hostalería, restauración…), relacióis culturais plenas con Galiza, etc.



4. CONFIGURACIÓN DUN RÉXIME XURÍDICO GALEGO-BERCIANO.
A lingua galega do Bierzo xa conta cun réxime xurídico propio que non teñen o resto de linguas territoriais de Castela e León. Referímonos a que ten o abeiro do Estatuto de Autonomía de Castela e León (artigos 5 e 46) e maila futura reforma da Lei da Comarca do Bierzo. Resolucióis a prol do galego das Cortes Xerais e das Cortes de Castela e León. A isto engadimos o Estatuto de Autonomía de Galiza, a Lei de Normalización Lingüística de Galiza e o Plano Xeral de Normalización Lingüística de Galiza.



Os bercianos galego-falantes pretendemos ter os mesmos dereitos lingüísticos cos galegos veciños porque temos a mesmo idioma. O proceso vindicativo do Bierzo será longo para acadar o dito obxectivo estratéxico: un réxime xurídico-lingüístico común con Galiza.



5. DEREITO Á NORMATIVIZACIÓN DO NOSO IDIOMA GALEGO.
Fala Ceibe aposta por unha lingua galega do Bierzo plenamente normativizada, porque consideramos que non hai diferencias co idioma falado na veciña Galiza. Por iso aceptamos a normativa para o galego que fixa a Real Academia Galega. Neste senso asumimos con normalidade o dialectismo berciano e o acercamento progresivo á lingua portuguesa.



6. TERRITORIALIDADE LINGÜÍSTICA ABERTA.
A lingua galega do Bierzo en pleno século XXI non pode nin debe ter ningún tipo de atranco histórico para o seu desenvolvemento pleno. Por iso estamos a prol de rachar con calquer lindeiro histórico ou político-administrativo de hoxe que empece a nosa plena vitalidade lingüística en galego, en convivencia cultural cos nosos veciños de Galiza. Os lindeiros dialectais (isoglosas) e históricos (linguas territoriais) son froito do pasado, e son aproveitados políticamente para restrinxir os intercambios lingüísticos. As zonas de contacto interidiomático (leonés, galego e castelán) non poden ser ríxidas senón abertas. Hai que ter presente os ámbitos comarcais, de tipo socioeconómico, como zonas de confluencia interlingüística, casos do Bierzo baixo e Ponferrada, porque favorecen a inmigración, permanente ou ocasional, e maila emigración interna.



7. A UNIDADE DE ACCIÓN PARCIAL.
A unidade de acción pódese concretar na reclamación da aprobación da Lei das Linguas Territorias de Castela e León ante as Cortes de Valladolid. Tamén pode haber intertroco de información vindicativa e estratéxica.


8. A CONTINUIDADE TERRITORIAL ETNOCULTURAL GALEGA.
Por último, teimar na considerada continuidade territorial etnocultural galega do Noroeste peninsular para os territorios veciños de Galiza, Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas, Val do Elas e Portugal. O futuro do idioma galego-portugués dependerá do destino que lle dea o conxunto da comunidade lingüística descrita. Por iso, o obxectivo fundamental e estratéxico será evitar a división cultural desas comunidades territoriais que teñen a mesma lingua galega común.






Etiquetas: , ,

jueves, agosto 12, 2010

DOCUMENTOS MEDIEVAIS NA LINGUA GALEGO-BERCIANA (1ª PARTE)


DOCUMENTOS MEDIEVAIS EN LINGUA GALEGO-BERCIANA (1ª parte),
Por Xabier Lago Mestre, do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.



Principiamos eiquí unha serie de artigos que tratan de darmos a coñecer parte do noso patrimonio documental medieval do Bierzo. A meirande parte deles proveñen dos mosteiros da rexión, casos de Santo Andrés de Espiñareda, S. Pedro de Montes ou Sta. María de Carracedo entre outros. Problemática especial desta documentación é a lingua na que están escritos. Non será o obxectivo destes artigos discutir sobre se están escritos en galego-berciano ou en ástur-leonés. Ben sabemos da presenza nesta rexión berciana, no período medieval, deses dous idiomas, o cal empece facer unha delimitación clara entre eles a nivel lingüístico, territorial e incluso documental. Para nosoutros a documentación presentada está escrita en lingua galega, na súa variedade local berciana, aínda que poida ter influencias do ástur-leonés, por iso outros aplican aqueles outros conceptos de galego-leonés ou leonés occidental.


Un aspecto importante de salientarmos é que a lingua da documentación non coincide totalmente co idioma falado polos bercianos da época medieval. Queremos dicir que, no aspecto formal, os textos que temos hoxe están moi modificados polos escribáns, copistas e amanuenses xa que o devir secular sen dúbida provocou o deterioro dos documentos orixinais, e a posterior necesaria reforma. Pola outra banda, con respecto ao seu contido, a influencia culta dos escribáns, notarios e monxes que elaboraron os escritos, deixou a súa pegada nos textos medievais. A maioría do pobo berciano era iletrado, e a súa lingua galega era totalmente oral, mentres que os coñecedores da escritura, primeiro de base latina e despois castelán, tiñan en moitos casos grandes dificultades para converter a lingua romance galego-berciana dos labregos en idioma escrito segundo as normas cultas, fonéticas e gráficas da época.


Para entender a problemática anterior traemos a colación un texto do profesor Jesús García y García. “La lengua documentada no es la hablada en El Bierzo de aquella época. Se trata de una lengua medianamente cultura, formulista, como suele serlo siempre la lengua jurídica y notarial y mezclada a veces con vulgarismo sorprendentes procedentes del lugar de origen de los copistas o de los propios agentes del documento. Si las hablas actuales del Bierzo dan esa impresión de hibridismo y de falta de un sistema coherente, eso mismo se nota en esa documentación medieval berciana. Es cierto que algo similar se observa en la documentación castellana; pero en nuestra comarca destaca ya la lucha de los dos sistemas que discuten el territorio: el gallego y el leonés occidental, al que pronto se añadirá la influencia oficial castellana” (tirado de “La lengua de los documentos medievales en romance berciano”, en revista Estudios Bercianos, nº 12, xuño de 1990, páxina 101).


Venda dunha terra en Naraiola por 16 maravedís (do 4 de maio de 1332).


“Era de mil e tresentos e setenta años, quatro de mayo. Sepan quantos esta verta viren como eu Johan Alfonso, fillo de Alfonso Peres e de Marina Domingues que foron, e morador en Narayola, vendo a vos Duran Domingues e ssua muller Maria Martines, moradores en Narayola, e a toda vossa vos una tierra que eu hey que ias eno lugar que dicen o Vallado que ias su signo de Santa María de Narayola que ha por términos: primera parte términos de duas partes de Carraçedo e tercera parte términos de Pero Rodrigues e por lo camino antigo.


Et esta dita tierra asy como he determinada vos vendo con entradas e salidas e con todos sous dereytos e pertenencias por vosa livre e quita por jur de heredat para sempre iamays para vender e dar e doar e supinorar e concambiar por quanto rresçcebi de vos en preçio e en robraçion des e seys maravedís dela moneda del Rey Don Fernando, que ora corre da oyto soldos el maravedí: que fasen once dineros minos terçea de un dinero cada maravedí; los quales maravedís conozco e outorgo que reçesbi de vos de que me outorgo por entrego e ben pagado et rrenunçio la exepçion possier ou outre por mi en tiempo que sea que nin non valla nen sea oydo sobrello en uysio nen fora del.


Et obligome por mi en por todos meus benes ganados e por ganar, asy mobles como rrayses a von arredrar e defender e anparar e a vos fase ana esta dicta terra que vos vendo e todo tiempo de quien quier que uso la demandar ou enbargar ou contrariar por qual rrason quier sopena de los maravedís dela copla deboados.

Et se eu o dito Johan Alfonso ou algund da mia parte ou da estraña vos la quiser demandar aian la ira de Dios e la mia maldiçion e quanto demandar tanto doble en tal lugar o en mellor, e peyte mays a la vos del Rey mil maravedís de la bona moneda e la carta finque firme para todo tiempo.

Et todo quanto dereyto tena por qual rrason quier rrenunçioldo e partollo de mi o doullo a vos los sobredictos.


Et deste dia de oy endela por esta presente carta vos dou e vos entrego el jur e la posesión e la propiedad della, que la aiades e la entredes e la posiades e fagades della e en ella a toda vosa voontade avyda e a morte asy como fariades aver.


Et que reguey a Johan Ferrrandes, notario publico por el Rey en Carrasedo, que escrivise esta carta e que posese en ella sou nome e e sou signo. Testimonias que a esto foron personeros, Gonsalo Yañes, Iohan Guyllemes, moradores en Narayola, Alfonso Iohanes, morador en Outero de Naraña, e outas.

Et eu Iohan Alfonso escrivi esta carta e pus en ella meu signo (signo), en testimonio de verdat.
Johan Ferrandes (rubricado)”.

(Fonte. Arquivo Histórico Nacional, Sección Clero, Espinareda de la Vega (El Bierzo), carpeta 839, número 9. Tirado de Salvador de Moxo: “Campesinos hacendados leoneses en el siglo XIV”, en León Medieval, Doce estudios, Ponencias y comunicaciones. El Reino de León en la Edad Media (…), Colegio universitario de León, 1978).


Etiquetas: , , ,

miércoles, julio 21, 2010

O BIERZO CO DÍA DE GALIZA 2010.


O BIERZO CO DÍA DE GALIZA 2010.



O Colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo, co gallo da celebración do 25 de xullo, diríxese a todas as institucióis, públicas e privadas, partidos políticos e asociaciois culturais, interesadas polo futuro do idioma galego nos 4 territorios periféricos (Navia-Eo, O Bierzo, As Portelas e Val do Elas). Neste caso @s bercian@s queremos informar sobre a nosa peculiar problemática lingüística, para así fomentar a toma de conciencia solidaria d@s galeg@s da Comunidade Autónoma de Galiza, e finalmente procurar a mobilización xeral de tod@s @s falantes, facendo causa común a prol da vindicación dos dereitos lingüísticos d@s bercian@s.

Todo isto vén a conto de que no mes de xullo ou agosto o Consello de Goberno da Junta de Castela e León vai aprobar o proxecto de reforma da chamada Lei da Comarca do Bierzo. Para comprender a súa importancia cómpre traermos a colación un chisco de historia xurídica recente. En 1991 as Cortes de Castela e León aprobaron a Lei da Comarca do Bierzo. Esta Lei concede un específico estatuto de autonomía de tipo comarcal. Ata o día de hoxe esta institución comarcal, con órganos de goberno propios, é a única existente como tal en Castela e León. Posteriormente, no ano 2007, as Cortes Xerais do Estado aprobaron a reforma do Estatuto de Autonomía de Castela e León. Esta Lei estatal fixo un recoñecemento peculiar para O Bierzo, “regulará la Comarca del Bierzo, teniendo en cuenta sus singularidades y su trayectoria institucional” (artígo 46.3).


O dito Estatuto de Autonomía de Castela e León protexe aínda máis a autonomía territorial do Bierzo, mediante Ley orgánica, así como as súas singularidades, mención implícita á lingua galega, que xa contaba co abeiro parcial deste Estatuto, “gozará de respeto y protección la lengua gallega en los lugares en que habitualmente se utilice” (artigo 5.3).


Agora @s bercian@s queremos que na vindeira reforma da Lei da Comarca do Bierzo as Cortes de Castela e León nos recoñezan máis autonomía territorial, fundamentada en novas competencias e mellor financiamento. Ademais, reclamamos que o idioma galego teña un recoñecemento expreso na dita Lei autonómica, e que se fomente o seu uso administrativo no seo do Consello Comarcal.


Con esta breve información queremos que @s galeg@s da Comunidade Autónoma veciña vaian tomando conciencia social da necesidade que @s bercian@s temos da súa axuda. Somos unha minoría cultural na Comunidade Autónoma de Castela e León, e contamos con poucas posibilidades de que os gobernantes nos concedan máis autonomía territorial e recoñezan os nosos dereitos lingüísticos. Así pois, cando sexa a xeira da vindicación pola mellor reforma da Lei da Comarca do Bierzo, agardamos ter o pleno apoio de Galiza. Por iso, cremos que “os tempos son chegados dos bardos das idades, que as nosas vaguidades cumprido fin terán (…). Os bos e xenerosos a nosa voz entenden, e con arroubo atenden o noso rouco son (…)”. Recuperemos entre tod@s o espírito loitador e solidario dos antigos irmandiños para que O Bierzo finalmente poida acadar máis autonomía.


O Bierzo, xullo de 2010.
www.obierzoceibe.blogspot.com
www.ciberirmandade.org/falaceive




Etiquetas: , , ,