RELACIÓN DE TRIBUTOS SEÑORIAIS NA REXIÓN DO BIERZO (1ª PARTE).

por Xabier Lago Mestre, do colectivo cultural Fala Ceibe do Bierzo.
Os labregos bercianos tiñan que pagar diversidade de tributos aos seus señores. Consideramos señores tanto os laicos coma eclesiásticos ou monásticos. Áparte deixamos á Coroa, primeiro de León e logo de Castela. Por suposto que o sistema tributario foi evolucionando pero se mantivo básicamente durante a Idade Media e Idade Moderna, ata a derrota do Antigo Réxime pola revolución liberal do século XIX.
A imposición fiscal, como non podería ser doutro xeito, foi variable ao longo dos séculos que tratamos. Ademais tamén houbo diferencias fiscais entre os diversos señoríos: laicos, eclesiásticos e monásticos. Dentro de cada espazo territorial os señores tiñan autonomía suficiente para fixar a súa política fiscal que variaba segundo meirindades, xurisdiciones e terras, e incluso entre vilas, aldeas, vilares e casais.
A clasificación da imposición fiscal que facemos non procura a sistematización senón a sinxela agrupación divulgadora. Os trabucos solariegos inciden máis no seu carácter persoal e vasalático. Os territoriais, como o seu nome indica, céntranse máis na terra ou superficie ca nos propios vasalos. Logo veñen os servizos persoais e os dereitos reais enaxenados, nestes últimos tamén non ofrecemos a integridade dos impostos xa que tamén hai deles nos apartados anteriores. Seguen as rentas de capital, as cargas da xustiza señorial e rematamos coa imposición eclesiástica, aínda que esta última necesitará un desenvolvemento posterior.
TRABUCOS SOLAREGOS:
FOROS AGRARIOS (INDIVIDUAIS OU COLECTIVOS), sobre vasalos foreiros. Dereitos do señor sobre os terreos baldíos, incultos, por romper e labrar por primeira vez.
QUINTOS E QUARTOS, trabuco señorial pola rotura de montes, “somos muy agravyados del dicho abad (de Carracedo) que nos haze pagar quartos y quintos de lo que coxemos en las rroturas de los montes bravos e concejiles de los dichos lugares (…)” (ano 1502). “Quejándose de que les exigía el Real Monasterio de lo que sembraban y cogían en el primer año de la tierra montuosa, que habían rozado, y roto, de quatro fanegas de trigo, una, y de cinco de otro pan, otra (…)” (ano 1512).
MAÑERÍA, o señor herda bens á morte do seu servo por carecer de sucesión (sen testar) que continúe coa explotación e siga traballando para o seu dono.
OS DEREITOS TERRITORIAIS SEÑORIAIS.
PORTÁDEGO (PORTAZGO, PONTAZGO), pago por tránsito de persoas, animais ou bens polas pontes señoriais do dominio territorial señorial. Temos o caso de Ponferrada e a súa ponte que lle deu nome á vila real. Os marqueses de Vilafranca tiñan este trabuco en Vilafranca, Ponte Domingo Flórez e Congosto. O portádego de Vilafranca cobrábase en S. Andrés, Frieira e Borreis, e reportaba 374.000 maravedís no ano 1500.
O Bierzo, febreiro de 2011.


